Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA TRANSFIRE AO CONSORCIO DO CASCO VELLO DE VIGO UNHA ACHEGA DE 400.000 EUROS PARA INCREMENTAR OS SEUS INVESTIMENTOS

• A contía é o dobre do inicialmente previsto no convenio asinado en 2017, modificado o ano pasado para duplicar as achegas correspondentes a 2020 e 2021

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaba de transferir ao Consorcio do Casco Vello de Vigo un total de 400.000 euros destinados a incrementar os investimentos para este ano.

Cómpre lembrar que o convenio asinado entre o IGVS e o Concello no ano 2017 prevía unha achega de 200.000 euros por parte da Xunta para as anualidades 2020 e 2021, pero unha modificación de devandito convenio, aprobada polo Goberno galego a finais do ano pasado, estableceu que a aportación sería o dobre, aumentando ata os 400.000 euros anuais. Os fondos correspondentes á anualidade 2020 xa están en poder do Consorcio.

O Consorcio do Casco Vello de Vigo constituíuse en febreiro de 2005, a través dun convenio asinado entre Alberto Núñez Feijoo (entón conselleiro da Xunta de Galicia), Corina Porro (alcaldesa de Vigo) e Francisco López Peña (presidente da Zona Franca). Posteriormente o IGVS mercou a participación da Zona Franca, quedando o capital do Consorcio repartido entre o organismo autonómico (90%) e o Concello de Vigo (10%).

O convenio asinado tiña vigor ata finais de 2017. Ese mesmo ano, ante a necesidade de continuar actuando no casco vello da cidade olívica, o IGVS propuxo a sinatura dun novo documento, polo que se prorrogaba a súa vixencia ata finais de 2021.

Neste segundo convenio establecíase que o IGVS realizaría unha aportación de 200.000 euros ao Consorcio nos anos 2018-2019-2020-2021. A modificación aprobada en 2019 polo Consello da Xunta modificou esa achega prevista para os anos 2020 e 2021, duplicándoa respecto ao compromiso inicial, ata alcanzar os 400.000 euros en cada anualidade.