Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE TRASLADA AO SECTOR EMPRESARIAL OS ÚLTIMOS AVANCES PARA CONCRETAR A AMPLIACIÓN DO PARQUE TECNOLÓXICO DE SAN CIBRAO

• A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá con responsables da Asociación de Empresarios do polígono industrial deste Concello

San Cibrao das Viñas (Ourense), 2 de marzo de 2020
-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao para trasladarlles os últimos avances realizados polo Goberno galego para concretar a ampliación do Parque Tecnolóxico localizado neste municipio ourensán.

Catro meses despois da visita a San Cibrao do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que anunciou a intención de desenvolver e urbanizar a segunda fase do Parque Tecnolóxico para poñer a disposición das empresas interesadas máis de 370.000 metros cadrados, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de impulsar unha ampliación que responde, segundo dixo, á demanda de solo que tanto as firmas asentadas no polígono como o propio Concello de San Cibrao veñen expoñendo.

Ao respecto, a conselleira de Medio Ambiente explicou que o primeiro paso necesario será asinar o protocolo de colaboración entre o Parque Tecnolóxico, o Concello e Xestur, en virtude do cal este organismo público se converterá en promotor e poderá, por tanto, urbanizar e vender posteriormente os terreos. Este documento xa foi redactado e, segundo dixo, está previsto que nos vindeiros días se eleve ante o Consello de Administración do PT.

Pola súa parte, o parque continuará coa inscrición no rexistro da propiedade das parcelas pendentes e de forma paralela, a Consellería avanzará en tres direccións: na revisión da situación urbanística do solo urbanizado; no estudo das posibles modificacións do plan parcial para adaptalo ao plan sectorial da rede viaria de Ourense e tamén do proxecto de urbanización co fin de tentar abaratar custos; e na análise da conexión viaria co novo parque empresarial de Paderne de Allariz, localizado nas inmediacións.

Cómpre lembrar que co fin de culminar o proceso de urbanización do chamado Parque Tecnolóxico de Ourense, xestionado pola Sociedade Tecnópole, solicitouse a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Para isto, o departamento galego de Medio Ambiente incluíu xa nos seus orzamentos deste ano unha partida de 200.000 euros que permitirá realizar os traballos necesarios para a revisión e adaptación dos documentos urbanísticos e técnicos que permitirán o axeitado desenvolvemento desta actuación.