Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E A ASOCIACIÓN EMPRESARIAL DO TAMBRE COLABORARÁN PARA ASESORAR ÁS EMPRESAS INTERESADAS EN PARTICIPAR NO PROXECTO BIOTECNOLÓXICO DA SIONLLA

• A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá cos responsables desta entidade, que está en contacto con varias firmas empresariais con intención de instalarse nalgunha das sete parcelas reservadas pola Xunta neste polígono
• Lembra que o sector ‘biotech’ está en alza e que o novo centro tecnolóxico que se quere implantar en Santiago terá unha importancia “vital” para toda a comarca

Santiago de Compostela, 14 de febreiro do 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación Área Empresarial do Tambre colaborarán brindando asesoramento e resolvendo as dúbidas que poidan xurdir por parte das empresas interesadas en instalarse no centro do sector biotech proxectado no polígono da Sionlla.

Así o acordaron esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez e unha representación da Xunta directiva desta entidade, que aglutina a empresarios dos polígonos do Tambre, Boisaca, Costa Vella e A Sionlla. O motivo do encontro, precisamente, era falar deste proxecto, de “vital importancia” para a cidade de Santiago e a súa contorna, como subliñou a titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Neste sentido, lembrou que o campo da biotecnoloxía está actualmente en alza e conta cun apoio fundamental nesta zona grazas ao traballo de investigación desenvolvido no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela. De feito, tal e como lle confirmou a Asociación Área Empresarial do Tambre, xa están recibindo consultas e mantendo contactos con varias empresas interesadas en instalarse no futuro parque biotecnolóxico da Sionlla, que ofrecerá novas oportunidades de emprego e actuará como motor económico da zona.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ten reservadas nesta área empresarial sete parcelas da súa propiedade, cun total de case 64.000 metros cadrados, para a implantación deste novo proxecto biotecnolóxico e de innovación dixital.

Esta reserva realizouse por solicitude da Mesa do Acordo da Sionlla, creada en xaneiro de 2016 entre o IGVS, o IGAPE, o Concello de Santiago, a USC, a Cámara de Comercio e a propia Asociación de Empresarios do Tambre. A mesa decidiu apoiar a creación dun centro do sector biotech neste polígono, concibido como proxecto empresarial singular, que proporcione espazos industriais e servizos ás empresas do Cluster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (BIOGA). A Mesa xa presentou un borrador de memoria de proxecto ante a Xunta e solicitou un prazo para darlle difusión, encauzalo xurídica, técnica e financeiramente e participar nas convocatorias ao efecto do IGAPE.

Concurso solo empresarial
Así mesmo, cómpre lembrar que o pasado luns 10 de febreiro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sacou un novo concurso para a venda de 770.000 metros cadrados de solo empresarial en 17 parques da súa propiedade das catro provincias.
Ademais das bonificacións aplicadas pola Xunta sobre o prezo de venda destas parcelas, no que se lle descontará aos adxudicatarios un 30 ou un 50 por cento dependendo do parque, os interesados tamén teñen a opción de adquirir este solo en dereito de superficie, unha modalidade moi vantaxosa para as empresas xa que se lles aplica un canon anual dun 1,5 por cento do prezo da parcela sen bonificar durante os dous primeiros anos.

No caso concreto do polígono da Sionlla, a conselleira de Medio Ambiente lembrou hoxe que, no marco do devandito concurso e á marxe das sete parcelas reservadas para o proxecto biotecnolóxico, sacáronse á venda nesta área empresarial 61 parcelas cunha superficie total de 255.314,50 metros cadrados.