Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONVOCA AS AXUDAS DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL, QUE ESTE ANO INCORPORA DOUS NOVOS COLECTIVOS DE BENEFICIARIOS

• A partir de mañá as persoas interesadas poderán optar a esta subvención, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 11 de decembro
• A duración máxima desta axuda, coas prórrogas extraordinarias, chega a seis anos
• Desde a posta en marcha deste programa, o Instituto Galego da Vivenda e Solo mobilizou preto de cinco millóns de euros para chegar a un total de 960 solicitantes


Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2020.- As axudas do Bono de Alugueiro Social, que xestiona e concede a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), poderán solicitarse a partir de mañá e ata o próximo 11 de decembro co fin de facilitar o acceso á vivenda en réxime de aluguer a aqueles colectivos que presentan maiores dificultades económicas.

A convocatoria deste ano, que como principal novidade amplía o abano de posibles beneficiarios aos mozos que estiveran tutelados pola Xunta, unha vez saian do réxime de tutela, e a persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais, contará inicialmente cun orzamento dun millón de euros, aínda que esta contía poderá ampliarse tal como establece a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

O Bono de Alugueiro Social consiste nunha axuda mensual destinada ao pago do alugueiro por importe de 225, 200 ou 175 euros, contía que varía en función de se a vivenda se sitúa nunha das sete grandes cidades galegas, nunha vila ou nun concellos de tipo rural. O importe mensual da axuda equivale, en todo caso, ao 50 por cento do prezo máximo que poderá ter a vivenda alugada.

Esta subvención concédese por un período inicial de 12 meses, prorrogables por outros dous períodos da mesma duración. Posteriormente, poderá prorrogarse de forma extraordinaria por outros tres períodos de 12 meses cada un, polo que a duración máxima de percepción do Bono poderá chegar ata os seis anos.

Ademais da axuda mensual, os beneficiarios tamén teñen dereito a unha achega única inicial de 600 euros, destinada a pagar os gastos de constitución do contrato de alugueiro ou dos contratos de subministros básicos para a vivenda (luz, auga, etc).

Balance do programa
Cómpre lembrar que dende a posta en marcha deste programa, o IGVS concedeu o Bono de Alugueiro Social a 960 solicitantes e tamén se autorizaron 734 prórrogas dos mesmos por un importe total de preto de cinco millóns de euros.

Ademais, o ano pasado creouse un Bono específico para vítimas de violencia de xénero, os seus fillos dependentes e mulleres obxecto de casos de explotación sexual, unha liña de axudas que se volverá convocar tamén en 2020.

O Bono de Alugueiro Social está dirixido a determinados colectivos con dificultades económicas, aos que nesta convocatoria se suman dous grupos novos: por un lado, os mozos menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co fin de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento; e por outra, aquelas persoas que foran privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.

O resto de colectivos aos que vai dirixida esta axuda do Bono de Alugueiro Social son:

• Unidades familiares que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

• Vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.

• Aquelas persoas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

• Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, desfrutasen na súa totalidade da subvención do devandito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social.

• Ás que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato a partir da entrada en vigor desta orde.

• Ás que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos do Programa de Vivendas Baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.