Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE ESTUDARÁ COLABORAR CO CONCELLO DE CENLLE NUN PROGRAMA PILOTO PARA REHABILITAR ANTIGAS ESCOLAS COMO VIVENDAS

• A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Gabriel Alén mantiveron hoxe unha reunión de traballo durante a que o rexedor ourensán lle presentou as bases deste proxecto integral, que ten como obxectivo atraer e fixar poboación no municipio

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co concello ourensán de Cenlle nun proxecto experimental para rehabilitar as antigas escolas do municipio e poñelas a disposición dos veciños para uso residencial. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez co alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, con quen mantivo esta mañá unha reunión de traballo na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal relativos a áreas da súa competencia.

Tras incidir en que o obxectivo é atraer e fixar poboación no municipio, o rexedor resaltou que a iniciativa terá unha dobre vertente xa que a rehabilitación das escolas como vivendas combinarase cun programa formativo para que os participantes poidan achegarse e aprender a realizar distintos labores tradicionais propios desta zona.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente comprometeuse a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo buscará e analizará posibles vías de colaboración co concello para levar a cabo unha iniciativa pioneira e integral que vai na mesma liña de revitalización do rural que defende o seu departamento, con medidas e distintas liñas de axudas en materia de vivenda e rehabilitación dirixidas especificamente aos concellos.

Neste sentido, referiuse á liña de subvencións para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal convocada o pasado mes de febreiro cunha dotación de preto de 2 millóns de euros. O seu obxectivo é facilitar aos municipios pequenos e que contan con veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia a creación dun parque público de vivenda municipal destinada ao alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.