• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases desta nova
liña de axudas, que serán convocadas nas próximas semanas
• A medida inscríbese dentro do programa do Bono de Alugueiro Social e as persoas
beneficiarias recibirán para o pago do aluguer 175, 200 ou 225 euros ao mes
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acaba de crear unha
liña específica de axudas ao alugamento de vivendas para persoas que sufran violencia de xénero,
fillos de vítimas mortais que sexan menores de 30 anos e dependentes economicamente, e vítimas de
trata con fins de explotación sexual. Con este obxectivo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe
a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, cuxa convocatoria para este ano está
prevista para as próximas semanas e que contarán cunha dotación económica de 1,65 millóns de euros.
A nova liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que
xa contemplaba ás vítimas de violencia de xénero como un dos colectivos aos que ía dirixido. Como
novidade, a través da orde publicada hoxe e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de
xénero, a Xunta crea unha liña específica e con financiamento propio destinada a axudar a este
colectivo a acceder ao aluguer dunha vivenda e ademais amplíanse os supostos previstos con
anterioridade.
Así, inclúense como posibles beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas
mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen
nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
Do mesmo xeito, outro dos obxectivos desta liña específica do Bono de Alugueiro Social é
atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de
convivencia e de dependencia económica co seu agresor ou, no caso de mulleres que sufran situacións
de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha
relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria
ou violencia per interpósita persona -isto é, aquelas mulleres que sufran o asasinato dos seus
fillos/as a mans do maltratador-.
A axuda prevista será de 225, 200 ou 175 euros ao mes, dependendo do concello onde se emprace
a vivenda e que equivalerá ao 50% do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro en cada
zona. Así, a renda máxima dos inmobles alugados será de 450 euros, no caso de que estean
localizados nalgunha das sete grandes cidades, de 400 en concellos cualificados de carácter urbano
e de 350 euros nos de tipo rural, figurando nas propias bases das axudas o listado de concellos cos
seus respectivos importes máximos.
Duración do bono e condicións
O bono concederase por un período de 12 meses, prorrogable cada ano ata un máximo de 36
meses. Ademais, o programa prevé a posibilidade de solicitar unha axuda complementaria única de ata
600 euros para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, destinados a
atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.
Poderase presentar a solicitude do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de
xénero unha vez se publique, nas próximas semanas, a convocatoria correspondente ao ano 2019. Para
o resto de colectivos susceptibles de solicitar estas axudas o prazo de presentación de solicitudes
está aberto dende o pasado 11 de xaneiro.