Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE DESTINA UN MILLÓN DE EUROS A SUBVENCIONAR OBRAS DE MELLORA E REHABILITACIÓN EN VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2019 destas axudas, dirixidas a comunidades de propietarios de edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou transferidas ao mesmo
• O Goberno galego incrementa o importe máximo das axudas, que este ano poderán chegar ata os 5.000 euros sempre que non superen o 60% do orzamento da obra
• Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 24 de xuño

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará un millón de euros a conceder subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para obras de reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios promovidos polo propio organismo público ou transferidos á comunidade autónoma.

Así figura na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, pola que se convoca esta liña de axudas para 2019 e se establece un importe máximo de 5.000 euros por vivenda, o que supón un incremento de 1.000 euros respecto á convocatoria do ano pasado. A Xunta mellora, polo tanto, a contía das axudas, que non poderán superar en ningún caso o 60% do orzamento total subvencionable e seguirán sendo compatibles con aquelas destinadas á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de vivendas promovidos polo IGVS, podendo acadar entre ambas axudas o 100% do custo.

En canto aos beneficiarios, poderán acollerse a esta nova convocatoria as comunidades de propietarios de edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS ou transferidos ao mesmo sempre que non teñan recibido ningunha outra axuda deste organismo para realizar obras polo mesmo concepto nos 10 anos anteriores.

Os edificios que opten ás axudas terán que reunir as condicións necesarias de seguridade estrutural ou, no seu defecto, acreditar a realización simultánea das obras que garantan que as vai cumprir; acreditar que non incorren en ningunha das circunstancias previstas na Lei de Subvencións de Galicia como excluíntes para obter a condición de beneficiario; e ser seleccionados conforme á orde de preferencia realizada segundo o baremo fixado propia resolución e a disposición orzamentaria existente.

Os interesados terán dous meses, contados a partir de mañá, para poder presentar as súas solicitudes, polo que o prazo oficial para acollerse a esta liña de subvencións rematará o vindeiro 24 de xuño.

Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións subvencionables aquelas obras que teñan como obxecto a reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación da resolución publicada hoxe e que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios...; así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio unha mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións subvencionables, en todo caso, deberán axustarse á normativa técnica vixente no momento da súa execución e poderán estar iniciadas xa no momento de solicitar a axuda, sempre e cando non comezaran antes do 1 de xaneiro deste ano e non se teña executado máis dun 60% do custo total das obras.