Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E ABANCA RENOVAN O CONVENIO PARA CEDER VIVENDAS DE ALUGUEIRO SOCIAL A MÁIS DE OITENTA FAMILIAS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro delegado de Abanca asinaron esta mañá o documento de colaboración, que rexerá ata o ano 2022
• O convenio con esta entidade bancaria é unha das medidas da Axenda Social activada pola Xunta, pola que se definiron ata 12 medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impagos do alugueiro

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia e Abanca veñen de renovar o convenio de colaboración para ceder vivendas de alugueiro social a máis de oitenta familias. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas Ratera, renovaron o convenio de colaboración asinado en 2015, para destinar vivendas de alugueiro social cedidas pola entidade ata o ano 2022.

Grazas á renovación deste convenio (o primeiro asinouse en 2015) prolongase por tres anos máis, ata o 2022, a cesión de vivendas por parte da entidade financeira para destinalas a alugueiro social por parte da Xunta de Galicia permitindo continuar residindo nas súas vivendas, en réxime de alugueiro social, a familias afectadas por execucións hipotecarias.

Ademais, o novo convenio establece a posibilidade de cesión de novas vivendas por parte da entidade, que o IGVS destinará a atender casos de emerxencia social.

Este medida é acorde cos fins que establece o programa Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, co que se pretende dar unha resposta a aquelas persoas que perderan a súa vivenda e ofrecer un domicilio alternativo a aqueles que perderan a súa única vivenda. Facilítase un inmoble propiedade do IGVS ou inmobles cedidos á Xunta polas entidades financeiras.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que para aqueles casos que precisan dun apoio urxente, cóntase co Bono de Alugueiro Social. Trátase dunha axuda cun importe máximo de 225 euros mensuais que se concede por un período de 12 meses prorrogables ata un total de tres anos. Ademais, inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.

Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta traballa para que os cidadáns non perdan o seu fogar, por iso dentro da Axenda Social, definíronse e activáronse un total de 12 medidas encamiñadas a dar cobertura ás persoas en risco de perder a súa vivenda ou que xa a perderon por non poder facer fronte ao pagamento da cota hipotecaria.

Son ferramentas que pretenden garantir unha axuda da Xunta a todas as persoas afectadas que o soliciten e cumpran os requisitos.

Pola súa parte, o conselleiro delegado de Abanca reiterou que a entidade se suma novamente a esta iniciativa “porque é unha ferramenta positiva para axudar ás persoas que atravesan situacións de dificultade relacionadas coa súa vivenda”. Francisco Botas asegurou que Abanca seguirá adoptando todas aquelas medidas, xa sexan a título individual ou en colaboración, que permitan achegar solucións a este problema.