Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA SUBVENCIONARÁ CON ATA 10.800 EUROS A COMPRA DE VIVENDA DE MENORES DE 35 ANOS EN CONCELLOS DE MENOS DE 5.000 HABITANTES

• O DOG publica hoxe a resolución coas bases da convocatoria para 2018 e pola que se abre un prazo dun mes para que os interesados presenten as súas solicitudes
• O importe das axudas será do 20% do custo de adquisición da vivenda, que deberá estar xa construída e cuxo prezo máximo de compra será de 100.000 euros
• Estas axudas están incluídas no Plan de Vivenda 2018-2021 e volverán convocarse nos próximos anos, cun orzamento total previsto de preto de tres millóns de euros

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2018.- A Xunta de Galicia subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así consta na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda, incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.

O obxectivo destas subvencións é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

A resolución establece que o importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará aberto durante un mes, sendo o último día para poder acollerse á convocatoria o 16 de novembro.

Está previsto que estas axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021 cun importe total de case tres millóns de euros: 200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 2.750.000 euros a repartir entre os próximos tres anos.

Poderán acollerse á convocatoria de 2018 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Neste sentido, os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán:

• Ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude.
• Ter nacionalidade española ou residencia legal en España.
• Dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem.

Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:

• Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
• Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
• O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.