Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda asinou hoxe o acordo de colaboración que dará acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación en materia de rehabilitación mediante préstamos sen xuros

A XUNTA E O CONCELLO DE RIBEIRA COLABORARÁN PARA A REHABILITACIÓN DO EDIFICIO DA UNIDADE DE ATENCIÓN Á DROGODEPENDENCIA POR MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS

• Ethel Vázquez sinala que este acordo permite ao concello financiar as obras de mellora da eficiencia enerxética e reforma interior deste centro municipal destinado a fins sociais
• Subliña que o Fondo de Cooperación xa ten concedidos máis de 3,5 millóns para financiar unha ducia de edificacións en 8 municipios, entre eles a recuperación do Pazo de Goiáns en Boiro
• Salienta que a Xunta está a traballar para dispor o vindeiro ano dun trazado e unha planificación clara para o desenvolvemento da Variante de Ribeira
• Indica que esta vía de novo trazado, duns 3 km de lonxitude, servirá de alternativa ao actual acceso por estrada ao núcleo urbano, liberando de tráficos o centro da vila e facilitando o acceso á zona sur
• A conselleira cifrou en máis de 10 millóns de euros o conxunto de actuacións que ten en marcha o departamento que dirixe no municipio

Ribeira (A Coruña), 30 de agosto de 2018
.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou hoxe co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, un convenio para a rehabilitación do edificio municipal da unidade de atención á drogodependencia, por un importe de máis de medio millón de euros.
Vázquez Mourelle indicou na casa consistorial que con este acordo se amosa a forte aposta que desde o Goberno galego se está a facer pola rehabilitación, facilitando a recuperación dun edificio destinado a fins sociais e polo o que Concello de Ribeira se vai a beneficiar do Fondo de Cooperación, unha nova medida da Xunta dirixida aos municipios de menos de 50.000 habitantes.

Este fondos consisten na concesión de préstamos a interese cero aos concellos, para que poidan recuperar edificacións ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación que contribúan á recuperación e posta en valor do patrimonio construído.
Explicou que o concello ten solicitado á Xunta o Fondo de Cooperación para financiar as obras de mellora da eficiencia enerxética e reforma interior do edificio da unidade de atención á drogodependencia de Ribeira. Actuación, engadiu, que tamén incluirá traballos na cuberta e na fachada concedendo a Xunta un préstamo de 518.000 euros, que o concello deberá reintegrar nun prazo de 8 anos sen ningún tipo de interese.
Subliñou que o Fondo de Cooperación é un instrumento efectivo de cara a potenciar actuacións de conservación e rexeneración urbana das vilas galegas. E avanzou que ao amparo do mesmo, o departamento que dirixe leva xa concedidos préstamos por importe de máis de 3,5 millóns de euros, que permitirán financiar unha ducia de actuacións, entre elas no veciño municipio de Boiro, onde se está a rehabilitar o Pazo de Goiáns para destinalo a centro cultural e museo.
Na súa intervención referiuse ademais a outras actuacións importante para o concello que se están a impulsar en materia de seguridade viaria e de mellora da mobilidade. Neste sentido lembrou se está ultimando o estudo para o calmado de tráfico na estrada que vai a Padrón, na AC-305, en Palmeira, para reforzar a accesibilidade e seguridade. E dixo que se está a traballar na redacción do proxecto para a renovación de beirarrúas e redes pluviais no treito urbano da estrada que vai a Cee, atendendo a solicitude do concello.
Ethel Vázquez dixo ademais que a Xunta está a traballar para dispor o vindeiro ano dun trazado e unha planificación clara para o desenvolvemento da Variante de Ribeira, que permitirá circunvalar o núcleo de Santa Uxía, liberando de tráficos o centro da vila e facilitando o acceso á zona sur.
Lembrou que o pasado 12 de xullo licitouse o contrato para a redacción do proxecto e estudo de impacto ambiental da variante de Ribeira que definirá o detalle do seu percorrido.
Trátase de construír unha nova entrada por estrada, alternativa á actual, que parta desde a rotonda da autovía, continúe ata a avenida da Constitución e finalice na praia de Touro.
Concretou que esta variante, duns 3 quilómetros de lonxitude, disporá dun investimento da Xunta superior aos 9 millóns de euros, e está programada en dúas fases, unha primeira correspondente ao treito que discorre bordeando todo o núcleo urbano, ata a avenida da Constitución e, unha segunda fase, de continuación ata a Praia de Touro, no ámbito máis urbano.
A titular de Infraestruturas concluíu revelando que en conxunto o departamento que dirixe ten en marcha investimentos en Ribeira por máis de 10 millóns de euros.