- Esta reunión ten como obxectivo realizar o seguimento do cumprimento do protocolo firmado
entre todas as partes en agosto de 2016 para facilitar que os propietarios das vivendas rematadas
obteñan a licencia de primeira ocupación
- Os traballos de urbanización, que está a executar o concello, rexistran un importante
retraso con respecto aos prazos comprometidos, provocando que máis de 200 familias estean á espera
de poder ocupar os seus novos fogares
- A Xunta, propietaria maioritaria do solo, destina a este proxecto máis de 30 millóns de
euros, dos que xa se investiron 12 na urbanización deste ámbito, que está a efectuar o concello, e
prevense investir case 19 máis
- O Goberno galego tamén solicitará ao Concello que axilice a concesión da licenza para a
execución de 40 vivendas de promoción pública, que suporá un investimento autonómico de 5,5 millóns
de euros
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018.- A Xunta convoca o 11 de maio ao
Concello da Coruña, aos promotores e aos cooperativistas do parque Ofimático a unha xuntanza sobre
as obras de urbanización na que participará tamén Fenosa.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda decidiu tomar a iniciativa e convocar esta reunión
despois de solicitar en varias ocasións que o fixera o Concello da Coruña, como administración
responsable desas obras, sen obter polo momento resposta.
Esta reunión, tal como se comprometeu a conselleira Ethel Vázquez na súa última visita ao
Ofimático, ten como obxectivo realizar o seguimento do nivel de cumprimento do protocolo firmado
entre todas as partes en agosto de 2016 para facilitar que os propietarios das vivendas rematadas
obteñan a licencia de primeira ocupación.
A Administración local é responsable da urbanización que se está a executar, e que, unha ver
rematada, posibilitará a ocupación das vivendas xa construídas. Non obstante, os traballos
rexistran un importante retraso con respecto aos prazos comprometidos, provocando que máis de 200
familias estean á espera de ocupar os seus fogares.
O Goberno galego está a poñer especial empeño no desenvolvemento do Ofimático, que permitirá
dar resposta ás necesidades de vivenda social na cidade, xa que prevé a execución de 1.100 vivendas
sociais, públicas e protexidas. A Xunta, que é a propietaria maioritaria do solo, co 50% do total,
destina a este proxecto máis de 30 millóns de euros, dos que xa investiron máis de 12 no
desenvolvemento das obras de urbanización deste ámbito, que está a executar o concello, e prevense
investir case 19 millóns máis.
O Executivo autonómico tamén segue traballando arreo para impulsar a construción de 40 novas
vivendas de promoción pública, que nestes momentos está en proceso de adxudicación. Neste sentido,
solicita que o Concello non demore máis a concesión da licenza, necesaria para a execución das
obras e para seguir avanzando neste proxecto de vivendas sociais da Xunta que suporá un
investimento de 5,5 millóns de euros.