Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda supervisou hoxe o avance das obras nesta parcela propiedade da Xunta, que está a destinar ao parque Ofimático máis de 30 millóns de euros, dos que xa achegou máis de 12 e prevé investir 19 millóns máis

ETHEL VÁZQUEZ AVANZA O REMATE EN VERÁN DA URBANIZACIÓN INTERIOR DA PARCELA COMERCIAL DO PARQUE OFIMÁTICO, CUN INVESTIMENTO DUNS 400.000 EUROS, PARA POÑER O SOLO A DISPOSICIÓN DAS EMPRESAS

- Vázquez Mourelle explica que se está a acondicionar unha superficie de 14.500 m², que se dividirá en 3 parcelas diferentes, das que dúas xa están reservadas para a implantación de proxectos de comercio minorista de alimentación
- Sinala que as obras comezaron en marzo, máis tarde do previsto, atendendo á solicitude do Concello da Coruña, que pediu esperar a que tivesen rematada a urbanización perimetral para comezar a Xunta coa urbanización interior
- Subliña que o Goberno galego está a poñer especial empeño no desenvolvemento do Ofimático, un proxecto estratéxico que prevé a execución de 1.100 vivendas sociais, públicas e protexidas
- A conselleira comprometeuse cos cooperativistas a convocar unha reunión con todas as partes involucradas no proxecto, incluída Fenosa
- Agarda que o Concello axilice e remate canto antes os traballos de urbanización da súa competencia para que máis de 200 familias poidan ocupar as súas vivendas, xa construídas e ás que teñen destinado moitos cartos
- Confía en que a Administración local non demore máis a concesión da licenza para a execución de 40 vivendas sociais, proxecto que se atopa en proceso de adxudicación e no que a Xunta inviste 5,5 millóns de euros

A Coruña, 27 de abril de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de urbanización da parcela comercial do parque Ofimático da Coruña, cun investimento duns 400.000 euros, e cuxo solo estará en verán a disposición das empresas.

Nestes momentos estanse a executar as obras de urbanización interior desta parcela propiedade da Xunta que está definida como de uso comercial. Os traballos inclúen os desmontes e o movemento de terra necesarios; a execución de muros de contención, coa disposición de bancais intermedios, para salvar os desniveis que ten a parcela; a instalación de elementos de xardinería e de seguridade; ademais da execución das acometidas e dos accesos ao viario exterior.

Trátase de acondicionar unha superficie de 14.500 m², que se dividirá en 3 parcelas diferentes, das que dúas, cun total de 12.000 metros cadrados, xa están reservadas, para a implantación de proxectos de comercio minorista de alimentación.

Vázquez Mourelle explicou que os traballos comezaron no pasado mes de marzo, un pouco máis tarde do inicialmente previsto, atendendo á solicitude do Concello da Coruña, que pediu esperar a que tivesen rematados os traballos de urbanización perimetral para comezar a Xunta coa urbanización interior.

O Goberno galego está a poñer especial empeño no desenvolvemento do Ofimático, un proxecto estratéxico, que permitirá dar resposta ás necesidades de vivenda social na cidade, xa que prevé a execución de 1.100 vivendas sociais, públicas e protexidas.

A responsable de Infraestruturas indicou que a Xunta é a propietaria marioritaria do solo, co 50% do total, polo que destina a este proxecto máis de 30 millóns de euros, dos cales xa se teñen investido practicamente a metade, máis de 12 ao desenvolvemento das obras de urbanización deste ámbito, que está a executar o concello, e prevese investir case 19 millóns máis.

Concretou que as obras de urbanización van cun retraso importante respecto aos prazos comprometidos, polo que a Xunta agarda que o concello, que é o responsable destes traballos, os axilice e os remate canto antes para que máis de 200 familias poidan, ao fin, ocupar as súas vivendas, xa construídas e ás que teñen destinado moitos cartos.

Comprometeuse cos cooperativistas a convocar unha reunión con todas as partes involucradas no proxecto, incluída Fenosa.

O Executivo autonómico segue traballando arreo para impulsar a construción de 40 novas vivendas de promoción pública, que nestes momentos está en proceso de adxudicación. Neste sentido, confía que agora, e logo dunha serie de dificultades, o Concello non demore máis a concesión da licenza, necesaria para a execución das obras e para seguir avanzando neste proxecto de vivendas sociais da Xunta que suporá un investimento de 5,5 millóns de euros.