- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta o descoñecemento que mostra o alcalde de
Vigo sobre un asunto abordado e aprobado pola xunta de goberno do Concello que preside
- Os aparcamentos sinalados polo alcalde non están incluídos na ampliación que impulsa a
Xunta para construír 1.600 vivendas protexidas na cidade
- A modificación do plan parcial unicamente deixa aberta a posibilidade de incrementar as
prazas de aparcamento na zona xa urbanizada, que é de titularidade municipal
- Este aspecto foi abordado conxuntamentre entre ambas administracións durante a tramitación
da modificación do Plan parcial de Navia
. A Xunta analizará as alegacións presentadas ao proxecto cando o Concello finalice o
proceso de información pública e traslade os resultados
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018.- As obras de urbanización de solo
residencial en San Paio de Navia realizáranse exclusivamente nos terreos adquiridos pola Xunta de
Galicia para a ampliación do mesmo, emprazados nos polígonos 1, 2 e 3, non afectando a ningún
espazo das fases xa urbanizadas, nin a zonas verdes e espazos de titularidade municipal da
urbanización xa rematada.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta o descoñecemento que mostra o alcalde de
Vigo sobre un asunto abordado e aprobado pola xunta de goberno do Concello que preside.
A modificación do plan parcial, aprobada inicialmente polo concello de Vigo o 25 de xaneiro
de 2018, responde fielmente ás esixencias formuladas polo propio Concello en diversas ocasións ao
longo de dous anos de desenvolvemento do mesmo.
Nesta modificación inclúese, ademais da ampliación do solo urbanizado de San Paio de Navia,
nos tres novos polígonos, a posibilidade de que no futuro, se é necesario se amplíen as prazas de
aparcamento público existentes nas tres primeiras fases, xa urbanizadas, de Navia.
A Xunta de Galicia unicamente vai urbanizar os terreos da ampliación (polígonos 1, 2 e 3) e
actuará exclusivamente sobre solo propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que actualmente
xa é titular de máis do 50 por cento do ámbito e esta mesma semana publicou unha oferta de
adquisición de solo por permuta que será seguida dun expediente de expropiación unha vez que o plan
parcial se aprobe definitivamente. Polo tanto, a Xunta só urbanizará solo da súa propiedade.
A modificación do plan parcial de San Paio de Navia contempla un total de 4.662 praza de
aparcamento exclusivamente nos polígonos 1, 2 e 3, das que 1.213 serán públicas, emprazadas a pé de
rúa, e as 3.449 restantes serán privadas, emprazadas nos garaxes dos edificios que se constrúan.
Ao mesmo tempo, a modificación do plan parcial estima que nas fases I, II e III-A, xa
urbanizadas, se perden 15 prazas de aparcamento a causa dos accesos á ampliación, e deixa aberta a
posibilidade de incrementar en 629 as prazas de aparcamento na zona xa urbanizada.
A Xunta lamenta o descoñecemento dos criterios incluídos na modificación do plan parcial de
San Paio de Navia por parte do alcalde de Vigo, que o leva a facer manifestacións moi
desafortunadas e que poñen en perigo o desenvolvemento da maior actuación de solo público para
vivenda protexida que se está a executar en Galicia.