Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou hoxe o barrio histórico da cidade, onde se acaba de iniciar a contratación das obras para recuperar dous novos edificios na rúa Vilar, onde se investirán 560.000 euros

ETHEL VÁZQUEZ AVANZA QUE A XUNTA ADQUIRIRÁ O VINDEIRO ANO NOVOS EDIFICIOS NO CASCO VELLO DE OURENSE, INVESTINDO 2 MILLÓNS DE EUROS NA SÚA REHABILITACIÓN E MELLORA

- A conselleira avanza, ademais, a próxima licitación das obras de recuperación dun edificio na rúa Cervantes, o que suporá completar a rehabilitación de todos os inmobles adquiridos pola Xunta ou o Concello no casco vello de Ourense
- Tendo en conta as novas actuacións previstas, a actuación da Xunta neste barrio suporá a recuperación de máis de 40 vivendas mediante un investimento de máis de 7,6 millóns de euros

 

Ourense, 11 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta destinará o vindeiro ano 800.000 euros á adquisicion de novos edificios no casco vello de Ourense e investirá 2 millóns de euros na súa recuperación e mellora.

 

A titular de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitou hoxe o este barrio, onde a Xunta rematará na próxima primavera a recuperación do edificio da rúa Vilar número 1, cun investimento de máis de medio millón de euros, que permitirán proporcionar dúas vivendas de promoción pública destinadas a alugueiro social.

 

Vázquez Mourelle tamén salientou que o pasado xoves, o Diario Oficial de Galicia, fixo pública a licitación das obras de rehabilitación dos edificios da rúa vilar 3 e 5, adquiridos polo Concello de Ourense e cedidos á Xunta para a súa recuperación e mellora, para destinalos, de modo prioritario, a vivenda social. Precisou que a Xunta investirá uns 560.000 € na súa rehabilitación, que, unha vez finalizada, permitirá poñer á disposición dos veciños de Ourense 3 novas vivendas, de 1, de 2 e de 3 dormitorios, cos seus correspondentes rochos.

 

Unha vez licitadas estas actuacións, continuaranse cos trámites administrativos necesarios para iniciar as obras ao longo de 2018. O prazo para a súa execución é de 12 meses, polo que a principios de 2019 estará finalizada a rehabilitación e as vivendas á disposición das familias.

 

De xeito paralelo, estanse a traballar na contratación das obras, no próximo ano, do edificio da rúa Cervantes 141, un edificio que tamén foi cedido polo Concello de Ourense á Xunta para a súa rehabilitación, na que se investirán máis de 600.000 €.

 

Estas actuacións, xa iniciadas ou en tramitación, (en Vilar 1, Vilar 3 e 5 e Cervantes 14) permiten ter en marcha os traballos en todos os edificios do Casco Vello de Ourense que foron adquiridos ata o momento pola Xunta ou polo propio Concello. Estes inmobles viranse a sumar aos 10 que nestes momentos xa están rehabilitados e dos que se obtiveron un total de 22 vivendas e 10 locais comerciais, e que supuxeron un investimento por parte da Xunta que supera os 3,2 M€.

 

Ethel Vázquez salienta a aposta da Xunta pola rehabilitación, polo que no marco do Programa Rexurbe, que aglutina as obras de rehabilitación directa que executa a Xunta co obxectivo de recuperar e revitalizar os cascos máis antigos, o próximo ano destinaranse 800.000€ á compra de edificios no casco vello da cidade, investindo na súa recuperación e mellora arredor de 2 M€.

 

A conselleira destacou que, tendo en conta as actuacións xa realizadas, as que están en marcha e as pevistas, a actuación da Xunta no casco vello de Ourense permitirá recuperar máis de 40 vivendas a través dun investimento de máis de 7,6 millóns de euros.