Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou coa alcaldesa, Yolanda Jácome, o primeiro acordo polo que un municipio accede ao Fondo de cooperación para a rehabilitación, dotado con 10 millóns de euros para actuar nunhas 1.500 vivendas en Galicia

A XUNTA CONCÉDELLE AO CONCELLO DE PARADA DE SIL UN PRÉSTAMO DE 602.000 EUROS SEN XUROS PARA A REHABILITACIÓN DE VARIAS CONSTRUCIÓNS NO LUGAR DE FONDO DE VILA

- O municipio, que destinará este investimento a rehabilitar varios inmobles tradicionais en ruínas das que se obterán catro vivendas para residentes no concello, disporá de 8 anos para reintegrar o importe, sen ningún tipo de interese
- Vázquez Mourelle explica que este fondo diríxese aos municipios de menos de 50.000 habitantes aos que se lle conceden préstamos a interese cero para que recuperen edificacións ou realicen intervencións en materia de rehabilitación
- Indica que esta iniciativa incentiva e implica aos municipios na recuperación e posta en valor de edificacións ou zonas emblemáticas para o uso e desfrute dos veciños e convídaos a solicitar esta liña de crédito ata finais deste mes
- Lembra que a Xunta ten en marcha outras axudas como as das ARIS ou para a infravivenda rural ou as axudas para rehabilitar as antigas vivendas de mestres ou inmobles de titularidade municipal para o seu destino a alugueiro social

 

Ourense, 3 de outubro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, asinou hoxe coa alcaldesa de Parada do Sil, Yolanda Jácome, un convenio mediante o que o Goberno galego lle concederá un préstamo de 602.000 euros sen xuros para a rehabilitación de varias construcións no lugar de Fondo de Vila.

 

Trátase do primeiro convenio de Galicia asinado que permite a un concello acceder ao fondo de cooperación para a rehabilitación. Neste caso, o municipio deberá reintegrar este importe nun prazo de 8 anos a custo cero, sen ningún tipo de interese.

 

A actuación que quere executar o Concello é a proposta gañadora dun concurso de ideas, convocado polo propio Concello en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e consiste na rehabilitación de varias construcións tradicionais en ruínas das que se obterán catro vivendas que serán destinadas a residentes no municipio, xunto co acondicionamento de todo o seu contorno.

 

O Fondo de cooperación para a rehabilitación é unha nova medida da Xunta que está dirixida aos municipios de menos de 50.000 habitantes e que consiste na concesión de préstamos a interese cero para que poidan recuperar edificacións ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación. En total esta iniciativa está dotada con 10 millóns de euros, o que vai permitir rehabilitar unhas 1.500 vivendas en toda Galicia.

 

A Xunta publicou no mes de xullo no Diario Oficial de Galicia a convocatoria na que se fixaban as condicións e os criterios para o acceso a esta liña de financiamento e se abría o prazo para a presentación de solicitudes por parte dos concellos interesados. Os municipios deben asinar cadanseu convenio de financiamento no que se fai constar as actuacións que van desenvolver, e se concreta tanto a contía da que van dispoñer, como o prazo e as condicións de reintegro da cantidade percibida.

 

A titular de Infraestruturas indicou que esta medida pretende incentivar e implicar aos municipios galegos na recuperación e posta en valor de edificacións ou zonas emblemáticas das novas vilas para o uso e desfrute dos veciños.

 

Condicións vantaxosas

Ethel Vázquez explicou que a Xunta é consciente das limitacións que poden ter certos concellos á hora de levar a cabo este tipo de actuacións, de aí estas condicións tan vantaxosas con préstamos a interese cero.

 

O Goberno galego está traballando con outros concellos como A Peroxa, O Barco de Valdeorras ou A Gudiña, que xa teñen presentado a súa solicitude ou amosado interese por acceder a este fondo de financiamento.

 

Vázquez Mourelle indicou que o seu departamento agarda que o exemplo de Parada de Sil anime a outros municipios galegos a solicitar esta liña de crédito, xa que teñen de prazo aínda ata finais deste mes, para actuar e recuperar edificacións emblemáticas dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións singulares en materia de rehabilitación.

 

A conselleira lembrou que a esta liña de axudas á rehabilitación dirixida aos concellos cómpre sumar outras como as subvencións para as ARIS ou para a infravivenda rural, xa activadas en anos pasados. Concretou que este ano tamén se engadiron axudas para rehabilitar as antigas vivendas de mestres ou inmobles de titularidade municipal para o seu destino a alugueiro social.

 

A Xunta está a apostar por unha estratexia de rehabilitación que se centra na colaboración cos concellos, por sumar esforzos entre administracións para conservar e protexer o patrimonio arquitectónico, ao tempo que se dá resposta ás necesidades de vivenda dos cidadáns.