Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA MÁIS DE 105.000 METROS CADRADOS DE SOLO NO PARQUE EMPRESARIAL DE MORÁS, EN ARTEIXO

 - O  solo, adxudicado en dereito de superficie, permitirá a ampliación da actividade produtiva da empresa Alumán, que xa se atopa implantada no concello de Arteixo
- O consello de administración de Xestur tamén adxudicou as obras de explanación da única plataforma que falta por explanar e o viario de acceso á mesma
- Actualmente están en execución as obras de acondicionamento da estrada DP-0512, que constitúe o eixo principal do parque empresarial, cuxa obra foi adxudicada en abril por máis 800.000 euro
- Finalmente, autorizouse a contratación do control de calidade da obra adxudicada hoxe

 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, adxudicou hoxe 105.969 metros cadrados de solo no parque empresarial de Morás, en Arteixo, á empresa Alumán.

 

A adxudicación realízase en forma de dereito de superficie, de maneira que a empresa pagará un canon anual reducido e terá a posibilidade de adquirir o solo adxudicado no prazo de dez anos. Nese caso descontarase do prezo de venda o 40 por cento das cantidades pagadas en concepto de canon e, no caso de que a adquisición se produza nos seis primeiros anos dende a formalización da adxudicación, tamén se aplicará unha bonificación equivalente á metade da que se aplica actualmente ás operacións de compravenda neste parque empresarial.

 

Esta é a primeira adxudicación de solo no parque empresarial de Morás, que se atopa en desenvolvemento, pero existen máis empresas interesadas en asentarse no mesmo. A Xunta comprométese a entregar a parcela adxudicada en 2019, pero a empresa prevé iniciar a construción das súas instalacións de forma simultánea ás obras de urbanización do parque, co obxectivo de iniciar a súa actividade no parque empresarial de Morás a finais de 2019.

 

A instalación do grupo Alumán, composto por máis de 15 empresas de carácter industrial, no parque empresarial de Morás ten un importante interese xeral e estratéxico para Galicia, nos eidos económico, de emprego, de internacionalización e de investigación e innovación, xa que a empresa prevé implantar importantes mellores tecnolóxicas nas súas novas instalacións.

 

Adxudicación de obras

Por outra parte, a Xunta de Galicia destinará máis de 3,1 millóns de euros á execución da obra de explanación dunha plataforma e execución do viario de acceso á mesma do parque empresarial de Morás. O consello de administración da empresa pública Xestur, promotora do parque empresarial, adxudicou hoxe esta obra por importe de 3.109.901,22 euros, IVE incluído, e un prazo de execución da mesma de catro meses.

 

A obra consistirá na explanación da plataforma K-3, a única zona que aínda non está explanada no parque empresarial e que ten unha superficie de máis de 105.000 metros cadrados. A necesidade de efectuar voaduras para a explanación desta parcela obriga a realizar as obras antes de que as empresas comecen a asentarse no parque empresarial, xa que a presenza de construcións no mesmo dificultaría a realización de ditas voaduras.

 

Ademais da explanación da plataforma K-3, a obra licitada prevé a execución do Eixo 0, que permitirá o acceso á K-3 e a circulación de maneira ordenada e en condicións axeitadas de seguridade polo ámbito unha vez se inicien as obras de urbanización interior do parque empresarial. Asemade, permitirá o acceso para a instalación da subestación eléctrica que dará servizo ao parque empresarial.

 

Finalmente, o consello de administración de Xestur autorizou a licitación do control de calidade desta obra, no que se investirán máis de 95.000 euros, IVE incluído.

 

Actualmente xa están en execución as obras de acondicionamento da estrada DP-0512, que constitúe o eixo principal do parque empresarial de Morás ao coincidir co viario V-5 do parque empresarial. A obra foi adxudicada en abril deste ano por importe de 821.989,80 euros e un prazo de execución de 10 meses.