Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INICIA O PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DE 10 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA VACANTES EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

- Trátase de vivendas emprazadas en Belvís, destinadas a menores de 35 anos e serán adxudicadas en réxime de alugueiro
- A Comisión tamén iniciou procedemento de adxudicación de VPP na Coruña e Betanzos e propuxo a adxudicación directa de sete vivendas a familias en situación de vulnerabilidade
- Neste ano,o Goberno galego xa adxudicou outras 34 vivendas cedidas polas entidades financeiras


Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, aprobou a resolución de inicio do procedemento para a adxudicación de 10 vivendas de promoción pública actualmente vacantes en Santiago de Compostela.

As vivendas, que se adxudicarán a través do Rexistro de Demandantes, están emprazadas en no barrio de Belvís e destinaranse a menores de 35 anos en réxime de alugueiro. O sorteo, entre os inscritos no Rexistro está previsto para o próximo 29 de agosto.

A Comisión tamén iniciou os procedementos de adxudicación de vivendas vacantes na Coruña (6 vivendas) e en Betanzos (1 vivenda).

Por outra parte, a Comisión aprobou a proposta de adxudicación directa de vivendas de promoción pública ou cedidas por entidades financeiras. Estas vivendas van dirixidas a familias en situación de vulnerabilidade.

Unha das vivendas que se adxudicará directamente está emprazada en Santiago de Compostela e outra na Coruña. En ambos casos son vivendas propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Ademais, proponse a adxudicación directa de cinco vivendas no concello de Cee, neste caso cedidas por Abanca (e vivendas) e por Sareb (2 vivendas).

No que vai de ano a Xunta adxudicou directamente outras 34 vivendas cedidas por Sareb ou as entidades financeiras. Estas vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro social a familias afectadas por desafiuzamentos por impago da hipoteca ou o alugueiro e a outras familias en situación de vulnerabilidade, como é o caso das cinco que a Comisión Provincial de Vivenda propón adxudicar en Cee.

Por outra parte, a Comisión tamén propuxo a adxudicación de dúas vivendas de promoción pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Santiago de Compostela e A Coruña.