Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINA MÁIS DE SEIS MILLÓNS DE EUROS ÁS ÁREAS DE REHABILITACIÓN DECLARADAS EN 41 CONCELLOS

- Os concellos con áreas declaradas dispoñen dun mes para solicitar a súa participación no reparto dos fondos
- Súmanse aos máis de 2,9 millóns destinados á ARI dos Camiños de Santiago


Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2017
.- A Xunta de Galicia destinará máis de seis millóns de euros ás actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, urbanización e reurbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes en Galicia. Con tal fin, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se procede a abrir o prazo para solicitar a participación na prórroga do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2013-2016, que se executa a través das ARI. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace:https://goo.gl/k5Kzes.

Neste momento, ábrese un prazo dun mes para que os concellos que teñen unha ou máis ARIs no seu ámbito municipal soliciten a súa participación no reparto dos fondos destinados ás ARI en 2017. Os concellos deberán presentar unha solicitude por cada unha das ARI que desexen incluír no reparto de fondos, indicando as contías que estiman poden executar nos prazos establecidos.

En función das solicitudes presentadas polos concellos con áreas de rehabilitación declaradas, a Xunta realizará o reparto dos fondos dispoñibles, que acadan un total de máis de 6 millóns de euros.

Despois do reparto, asinaranse acordos específicos cos municipios participantes, que deberán realizar as súas propias convocatorias para que os propietarios de vivendas interesados poidan solicitar as axudas, financiadas con fondos autonómicos e estatais.

Bases
A Orde inclúe as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, ás que poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión. Nestes casos as axudas irán destinadas á rehabilitación das vivendas e edificios de vivendas.

Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización e reurbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta. As axudas de carácter estatal, cun límite do 35% do orzamento, son as seguintes:

- Ata 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
- Ata 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución de outra previamente demolida.
- Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida para as actuacións de mellora da calidade e sostenibilidade do medio urbano (obras de urbanización o reurbanización do ámbito).
- Ata 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ate un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxo temporal.
- Ata 500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custe dos equipos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Polo que respecta ás axudas autonómicas son:

- Ata 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención poida exceder do 10 % do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
- Ata 1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución de outra demolida, para financiar o custe dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago
Esta convocatoria non inclúe a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, xestionada directamente pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e non polos concellos. Nesta ARI dos Camiños de Santiago, xa está aberto o prazo para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivendas interesados nas axudas, xa que a Orde que as regula foi publicada no DOG o pasado 14 de xuño.

O Goberno galego destinará máis de 2,9 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas no marco da ARI dos Camiños de Santiago. O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 % do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.

As persoas interesadas en acceder ás axudas da ARI dos Camiños de Santiago poderán solicitalas ata o 30 de novembro de 2017, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario. Para poder ser beneficiarios desta axuda deberán estar en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme ao sinalado na Orde de 22 de decembro de 2015 (DOG. nº 246, do 28 de decembro)

Actualmente, Galicia conta con 69 áreas de rehabilitación integral declaradas en 41 concellos ademais da ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro provincias galegas.