Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinaron hoxe o acordo que supón a posta en marcha do Programa de Vivendas Baleiras no municipio pontevedrés

A XUNTA E O CONCELLO DE BAIONA ASINAN O ACORDO PARA CREAR UNHA BOLSA DE VIVENDAS SOCIAIS COS INMOBLES DESOCUPADOS DESTE MUNICIPIO E DESTINALOS A FAMILIAS EN DIFICULTADES

- O obxectivo deste programa, pioneiro en España, é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social cos inmobles de organismos ou particulares que non se atopen habitadas, coa colaboración dos municipios

- As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, que xa contratou dous tipos de seguros: un multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica

- A titular de Vivenda salienta que un total de 26 municipios de Galicia xa forman parte do programa, que ofrece ‘solucións reais a problemas reais’

- Fixo fincapé na necesidade de que outros concellos como Vigo, onde se rexistra maior número de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar, se sumen a esta iniciativa do Goberno galego

 

Vigo, 18 de novembro de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinaron hoxe o acordo que supón a posta en marcha do Programa de Vivendas Baleiras neste municipio coa fin de crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados do concello e destinalos a familias en dificultades.

 

O Concello de Baiona sitúase hoxe entre os primeiros municipios da provincia  de Pontevedra –xunto con Redondela, Gondomar e Ponteareas-  que se suman a esta iniciativa da Xunta. A día de hoxe son xa 26 os municipios de Galicia que forman parte do programa.

 

O obxectivo deste programa pioneiro e novidoso en España é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

 

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 euros -, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

 

A conselleira destacou a importancia de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

 

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, que xa contratou dous tipos de seguros: un multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

 

Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado. Tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.

 

Sumar esforzos

A titular de Vivenda subliñou a relevancia de que o resto dos municipios da área de Vigo sigan o exemplo de Baiona e dos outros 3 concellos da área que xa teñen asinado este convenio. Neste sentido, precisou que nas grandes cidades, como Vigo, é onde se rexistra un maior número de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar.

 

A conselleira indicou que celebraría que o Concello de Vigo se dispuxese a asinar canto antes a súa incorporación ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta; o que sería unha boa nova para os veciños desta cidade pero, sobre todo, para as familias que están a pasar dificultades.

 

Cómpre lembrar que a Valedora do Pobo recomendoulle ao citado municipio avaliar a conveniencia de sumarse a este programa da Xunta e o Parlamento demandoulle as actuacións necesarias para adherirse á medida.

 

Vázquez fixo fincapé en que cómpre ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda. Para iso, o Goberno galego está a impulsar 12 medidas que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece  “significativamente máis ambiciosas que os doutras comunidades autónomas”.