Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA REÚNESE COS REPRESENTANTES DE PROPIETARIOS EN SAN PAIO DE NAVIA PARA ABORDAR A OFERTA PÚBLICA DE ADQUISICIÓN DE SOLO NESTE POLÍGONO RESIDENCIAL

- O Goberno galego destinará este ano 8 millóns de euros á adquisición de solo para a ampliación de San Paio de Navia
- No tempo transcorrido dende a convocatoria do concurso moitos propietarios solicitaron información sobre ela

 

 

Santiago, 28 de xullo de 2016 .- O director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, reuniuse cos representantes dos propietarios de solo en San Paio de Navia para tratar sobre a marcha do concurso público de venda adquisición de solo convocado polo IGVS no ámbito da ampliación do polígono residencial vigués.

 

O concurso público de adquisición de solo foi convocado polo IGVS o pasado 30 de xuño a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Nas tres primeiras semanas transcorridas dende o convocatoria a empresa pública Xestur xa atendeu a un importante número de propietarios interesados en coñecer en detalle as condicións da oferta realizada.

 

A oferta pública de adquisición de solo prevé un investimento total de oito millóns de euros en 2016. Os terreos valóranse a 126 euros por metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como construcións, peches, arborado, etc. Este valor é o prezo indicado para a expropiación na resolución do 23 de abril de 2008. Os terreos que non se poidan adquirir por compravenda serán adquiridos por permuta cos seus propietarios ou a través dun posterior expediente de expropiación.

 

Os propietarios de terreos emprazados no ámbito de actuación deberán presentar as súas ofertas antes do 30 de setembro de 2016 con carácter xeral. No caso de que nas parcelas existan edificacións ou elementos singulares a valorar mediante un expediente contraditorio entre os seus titulares e a Administración o prazo de presentación de ofertas rematará o 1 de setembro de 2016.

 

Os titulares de terreos que acepten a oferta deberán presentar no IGVS un escrito no cal figuren os seus datos persoais e os que permitan identificar a propiedade e coñecer a súa superficie. Para tal efecto, deberanse indicar a referencia catastral e, de ser o caso, os datos rexistrais.

 

No caso de existir, tamén deberán presentar unha relación de elementos presentes nos terreos, como peches, arborados, pozos, emparrados, etc., xunto coa valoración segundo os prezos de ditos elementos que se inclúen na Resolución que hoxe publica o DOG. Naqueles terreos en que existan construción ou elemento singulares, deberán incluírse na oferta o seu prezo, fotos actuais e planos.