Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVIDA A VIGO A ADHERIRSE AO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS PARA MOBILIZAR OS INMOBLES DESOCUPADOS DO CASCO VELLO E POÑELOS Á DISPOSICIÓN DAS FAMILIAS EN DIFICULTADES

- Heriberto García informa de que todas as vivendas que se incorporen a ese programa contarán cun seguro multirrisco do fogar e outro de cobros que achegará a Xunta como garantía aos propietarios
- Traslada que a Xunta está en trámites para acceder ás vivendas baleiras desocupadas que a Sareb lle ofreceu ao Concello nunha oferta que a Administración local desatendeu
- Reitera a súa preocupación pola falta de resposta das autoridade locais de Vigo, sendo o Executivo autonómico o que atende todos os casos de desafiuzamento que se lle presentan, recorrendo mesmo a vivendas en municipios próximos
- Apunta que a normativa impide manter durante máis de 4 anos vivendas sociais deshabitadas, e sinala que neste tempo o propio Concello solicitou á Xunta a adxudicación de vivendas autonómicas a vítimas de malos tratos

Santiago, 21 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia convida ao Concello de Vigo a adherirse ao Programa de vivendas baleiras posto en marcha pola Xunta para mobilizar dese xeito os inmobles desocupados do Casco Vello e poñelos á disposición das familias en dificultades. Así llo trasladou o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, á concelleira de Urbanismo da cidade olívica, María José Caride, na que lle reitera a necesidade de apostar pola colaboración institucional para atender as necesidades sociais.

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo sinala que para o uso destas vivendas desocupadas do Casco Vello con destino a casos de especial vulnerabilidade, o procedente é que o Concello se adhira ao Programa de vivendas baleiras, que responde ao convenio asinado entre a Xunta e a Fegamp, e que ten como obxectivo mobilizar as vivendas de particulares, empresas e organismos que se atopan desocupadas.

E indica que, por parte do Executivo autonómico, financiaranse unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica. Deste xeito, as vivendas poderán ser incorporadas a dito programa contando coas referidas garantías para ser destinadas a alugueiros sociais

Ademais, Heriberto García informa de que a Xunta está en trámites para acceder ás vivendas baleiras desocupadas que a Sareb lle ofreceu ao Concello nunha oferta que a Administración local desatendeu.

Na carta, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo expresa a súa preocupación pola falta de resposta das autoridade locais de Vigo, sendo a Xunta a que atende sen apoio todos os casos de desafiuzamento que se lle presentan, e tendo que recorrer mesmo a vivendas en municipios próximos.

Por outra banda, lembra que a normativa impide manter durante máis de 4 anos vivendas sociais deshabitadas, e sinala que neste tempo o propio Concello solicitou á Xunta a adxudicación de vivendas autonómicas a vítimas de malos tratos.

Por último, a Xunta recórdalle ás autoridades viguesas que a colaboración entre administracións e a utilización e aproveitamento dos instrumentos que existen é a única maneira de conseguir unha maior eficacia na solución dos problemas dos cidadáns, polo que lle reitera a súa colaboración para mellorar a cobertura en materia de vivenda dos colectivos mais vulnerables, xa que é o compromiso prioritario da Xunta.