Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Ethel Vázquez salienta que o 85% das medidas do Plan rehaVita están en marcha e reclama a implicación de institucións e colectivos para unha loita máis eficaz contra os desafiuzamentos

- Destaca que os 12 programas do Goberno galego para garantir o dereito á vivenda permitiron axudar xa a máis de 400 familias
- Avanza que proximamente se crearán dúas novas medidas: unha liña de créditos a interese cero para rehabilitación e un Depósito de Cooperación con 10 millóns de euros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes actúen na restauración e conservación de vivendas
- Sinala que os Orzamentos da Xunta reservan 11,6 millóns de euros para a construción de 120 novas vivendas de promoción pública nos concellos onde máis se precisan, como Vigo, A Coruña e Ourense
- Pon en valor os 40 millóns de euros mobilizados en axudas á rehabilitación en só dous anos
- Reitera o chamamento para que todos os municipios, especialmente as grandes cidades, deixen a un lado os intereses partidistas e pensen nos cidadáns, aproveitando a oportunidade que representa o Programa de vivendas baleiras para actuar fronte aos desafiuzamentos
- Concreta que 6.387 familias tiveron en 2015 axuda da Xunta para pagar o alugueiro da súa vivenda e 6.520 beneficiaranse este ano destas medidas, ás que se destinarán case 13 millóns de euros

Santiago, 10 de maio 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o 85% das medidas previstas no Plan rehaVita están xa en marcha e reclamou a implicación de administracións públicas, institucións e colectivos para acadar unha loita máis eficaz contra os desafiuzamentos. Así o manifestou a responsable da política de vivenda do Goberno galego no Pleno do Parlamento, onde compareceu a petición propia para expor o balance do primeiro plan autonómico nesta materia, case 15 meses despois da súa aprobación.

A Xunta, a través do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, está a redobrar esforzos, incrementando as partidas orzamentarias e activando novos programas e medidas para poder atender máis situacións e dar resposta a un maior número de persoas e de familias. Neste sentido, Ethel Vázquez destaca un investimento de 307 millóns, o que supón unha mobilización de arredor de 600 millóns de euros, que beneficiarán a máis de 152.000 persoas, facilitando o acceso a unha vivenda a aquelas familias que máis o necesitan.

Na súa intervención, Vázquez Mourelle destacou que o Goberno galego conta xa con 12 medidas específicas destinadas a evitar os desafiuzamentos e paliar os seus efectos ofrecendo apoio ás familias que se atopan en risco de perder o seu fogar. Estes programas, sinalou, permitiron xa atender a máis de 400 familias galegas que atravesaban dificultades.

Segundo avanzou, este programa de 12 medidas verase proximamente incrementado con outras dúas, xa que a Xunta está a traballar na posta en marcha dunha liña de préstamos á rehabilitación para incentivar esta fórmula a través da concesión de financiamento aos promotores. “Asinaremos convenios coas entidades financeiras para que concedan créditos destinados á rehabilitación de inmobles, préstamos a interese cero para as rendas máis baixas, posto que serán financiados pola Xunta”, subliñou.

Por outra banda anunciou que o Goberno galego avanza na creación dun Depósito de Cooperación, que a Xunta dotará con 10 millóns de euros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes obteñan préstamos que lles permitan levar a cabo actuacións de rehabilitación e conservación de vivendas, e no que se inclúen execucións subsidiarias de obras non executadas polos propietarios.

Programa de vivendas baleiras
Vázquez reiterou a solicitude aos Concellos de Vigo e da Coruña, e aos gobernos municipais das sete grandes cidades galegas, de que pensen nos seus veciños, que colaboren coa Xunta e se adhiran ao Programa de vivendas baleiras para ofrecer estas vivendas baleiras en réxime de alugamento a aquelas persoas e familias que as necesitan.

A conselleira fixo especial fincapé na necesidade de que o Concello de Vigo reflexione e ocupe as vivendas baleiras que o Instituto Galego da Vivenda e Solo lle cedeu e as destine a atender casos de especial necesidade; e que acceda a poñer as vivendas en República Arxentina a disposición de familias en situación de urxente necesidade.

Rehabilitación de vivenda e renovación urbana
Vázquez lembrou que entre 2015 e 2016 mobilizáronse case 40 millóns de euros en rehabilitación, tendo en conta as convocatorias de axudas do pasado ano, as xa habilitadas ou previstas neste 2016, e as licitacións de obras directas por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo .

Cómpre lembrar que en abril o DOG publicaba a resolución pola que se abría o prazo para solicitar as axudas de rehabilitación integral para as vivendas situadas nos Camiños de Santiago, que se poderán solicitar ata o vindeiro 30 de novembro. Trátase da maior aposta da Xunta pola rehabilitación de vivendas vinculadas ao patrimonio e á identidade de Galicia, subvencións que financian ata o 35% das obras cun máximo de 11.000 euros por inmoble. Estas axudas serán superiores cando se trate de infravivenda rural –cuxa convocatoria sairá nos vindeiros días-, onde se financiará ata o 80% do custo das actuacións cun máximo de 12.000 euros por inmoble.

A Xunta destinará este ano 2,7 millóns de euros a subvencións de rehabilitación na ARI dos Camiños de Santiago, ás que se suman outros 500.000 euros para infravivendas neste ámbito. Trátase dunha dotación total de 3,2 millón no ano 2016 para a mellora das vivendas situadas nos Camiños, que permitirá investimentos por importe de arredor de 9 millóns, sumando as achegas que deberán realizar os beneficiarios destas subvencións.

O 4 de abril tamén se publicaba a orde de axudas pola que a Xunta destinará máis de 2,7 millóns a rehabilitación de edificios de vivendas; e tamén o día 27, o DOG facía pública a convocatoria para rehabilitación de vivendas no medio rural, en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago, ás que se destinan 4 millóns.

Acceso á vivenda: VPP e VPA
A promoción pública de vivendas ocupa un lugar destacado na política de vivenda do Executivo autonómico e proba diso é que nos últimos 15 meses entregáronse arredor de 300 vivendas en distintos concellos de Galicia.

Paralelamente séguese a desenvolver solo para vivendas de promoción pública de nova construción: é o caso das 40 vivendas de promoción pública que a Xunta vai construír no parque Ofimático da Coruña, cun investimento total de 3,4 millóns. No Concello de Vigo tamén se van construír outras 80 vivendas de promoción pública mediante un orzamento de 7,2 millóns. Ademais, en 2016 tamén se prevé licitar a construción de 8 vivendas de promoción pública en Ourense, no barrio de Covadonga.

Polo que respecta ás vivendas de protección autonómica, aquelas desenvolvidas por promotores privados e que teñen a cualificación de protexidas, mantéñense as modalidades existentes: de réxime especial, xeral e concertado, pero modificáronse un pouco as condicións, elevando a renda máxima no réxime especial ata 3 veces o IPREM para poder ser adxudicatario, ampliando, polo tanto, as familias que poden acceder.

Fomento de programas de alugueiro
Vázquez indicou que o fomento de alugueiro se viu reforzado nos últimos meses e a isto responde o acordo asinado coa SAREB, para a cesión de vivendas baleiras para alugueiro social; ou os convenios asinados coas entidades financeiras, entre eles, coa maior entidade financeira de Galicia. Grazas a esta colaboración hai 240 vivendas máis, que xa se están ocupando, para atender as familias que teñen que abandonar o seu fogar por non poder facerlle fronte á hipoteca.

A conselleira concretou que 6.387 familias tiveron en 2015 axuda da Xunta para pagar o alugueiro da súa vivenda e 6.520 familias se beneficiarán este ano das medidas de fomento ao alugueiro, ás que se destinarán case 13 millóns de euros.

A Xunta creou o Bono de Alugueiro Social, destinado a atallar os problemas de desafiuzamentos das familias por impago de alugueiro. A principios de ano publicouse unha nova convocatoria cun investimento que supera os 4 millóns, máis de 1,4 para o presente exercicio. O Consello da Xunta acordaba o pasado mércores ampliar esta axuda de 150 euros a 200 ao mes no caso de beneficiarios das sete grandes cidades, ata dous anos, e incrementando a axuda adicional de 450 a 600 euros para cubrir gastos de formalización dun novo contrato ou atender pagos pendentes de seguir na mesma vivenda.

Censo de Vivendas Baleiras
A Xunta tamén activou este ano o Censo de Vivendas Baleiras, no que as entidades de crédito e as súas filiais inmobiliarias, así como as entidades de xestión de activos, deberán inscribir as vivendas baleiras da súa propiedade. É obrigatoria a inscrición neste censo de todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes, sempre que sexan propiedade destas entidades, con independencia de onde se atope o domicilio social dos seus titulares. O prazo para inscribir as vivendas baleiras é de seis meses, e comezou o pasado 26 de marzo.