Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

TÁBOAS GASTOU EN 2008 3,5 MILLÓNS DE EUROS EN PUBLICIDADE, CASE O MESMO QUE EN AXUDAS A VIVENDA EN ALUGUER

 A ex-conselleira de Vivenda do bipartito, Teresa Táboas, recoñeceu hoxe o desfase presupostario de 40 millóns de euros deixado no IGVS

Santiago, 2 de xuño de 2009.- A ex-conselleira de Vivenda do bipartito, Teresa Táboas, recoñeceu hoxe o desfase presupostario de 40 millóns de euros deixado no IGVS e perdeu unha oportunidade inmellorable para pedir desculpas aos galegos pola irresponsable xestión do diñeiro público realizada dende o departamento que dirixiu. Os datos aportados pola Consellería de Medio Ambiente revelan que Táboas inflou os ingresos de maneira ficticia para equilibrar as contas con ventas que sabía de antemán que non se ían producir. Tamén utilizou aos xestures como artificio financeiro para cadrar os presupostos do IGVS mediante a transmisión de solo. Como exemplo, cabe salientar que dos 16 millóns de euros de ingresos previstos pola venda de solo residencial e industrial en 2008, ingresáronse realmente 2,3 millóns de euros; e pola amortización de vivendas ingresáronse 123.000 euros dos 10,1 millóns de euros previstos. Aínda así, e tendo en conta que nos atopábamos en plena crise económica, nos orzamentos de 2009 aumentou as previsións de ingresos a 27,8 millóns de euros e 19,7 millóns de euros, respectivamente, é dicir un 1.087% e un 15.869% máis do que recadara o ano anterior. No que vai de ano 2009 comprometeuse o 55% do presuposto, recoñecéronse ingresos por menos do 24% e se leva cobrado efectivamente menos do 1%. Esta situación, xunto cos 40 millóns de euros de desfase presupostario, é a verdadeira herdanza deixada aos galegos polo bipartito en materia de vivenda. Publicidade e axudas ao aluguer Polo que se refire ao presuposto destinado á publicidade, que segundo dixo hoxe foi para anunciar o rexistro de demandantes de vivenda en aluguer, Teresa Táboas gastou 3,15 millóns de euros por este concepto en 2008, mentres que as axudas para vivenda en aluguer ascenderon a 4,5 millóns de euros.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS