Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O PLAN DE VIVENDA DE GALICIA 2015-2020 BENEFICIARÁ A MÁIS DE 152.000 GALEGOS E MOBILIZARÁ MÁIS DE 600 M€, CON MEDIDAS CONCRETAS PARA A INCLUSIÓN RESIDENCIAL DAS PERSOAS CON MENOS RECURSOS

- Trátase do primeiro Plan de Vivenda que elabora integramente a Xunta de Galicia 
-  Da cantidade total, 307 millóns corresponden a investimentos directos da Administración Pública, e outros tantos con investimentos inducidos de carácter privado 
-  Máis do 50% do importe previsto céntrase no establecemento de medidas para facilitar o acceso á vivenda, potenciando o alugueiro para os sectores con menos recursos 
-  A Xunta reforzará o impulso á rehabilitación de vivendas como medio para conservar o parque de vivendas existentes, protexer a paisaxe e dinamizar o sector da construción 
-  O Goberno galego asinará acordos coa Sareb que permitirán dispor de novas vivendas para alugar a persoas con dificultades de acceso 
-  Crearase un programa de vivendas baleiras para que os concellos e particulares rexistren domicilios que se alugarán a persoas con dificultade de acceso e que contarán cun seguro multirrisco que proporcionará o Instituto Galego de Vivenda e Solo
- A Xunta creará un Bono Alugueiro para o apoio urxente a familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda, evitando dese xeito os desafiuzamentos por impago da renda 
-  Estableceranse axudas para a reparación de infravivendas rurais dirixidas a propietarios de casas que non dispoñen das condicións mínimas de habitabilidade e que carecen de recursos para arranxalas



O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o Plan rehaVIta, de rehabilitación e maior acceso á vivenda, que define as liñas estratéxicas das políticas públicas nesta materia e que suporá mobilizar máis de 600 millóns de euros, cunha previsión de beneficiar a máis de 152.000 galegos. Desta cantidade total, 307 millóns de euros corresponden a investimentos directos da Administración Pública, e outros tantos con investimentos inducidos de carácter privado.

Trátase do primeiro Plan de Vivenda que elabora integramente a Xunta de Galicia e nace co obxectivo principal de facilitar o acceso á vivenda ás persoas que máis o necesitan e previr a exclusión residencial. Así, dos preto de 307 millóns previstos para investir nos próximos seis anos, máis do 50% está destinado a estes eixes de actuación. Así mesmo, o Goberno galego reforzará o impulso á rehabilitación de vivendas como medio para conservar o parque de vivendas existentes, protexer a paisaxe e dinamizar o sector da construción.

Para definir este Plan de Vivenda tivéronse en conta os criterios de estrutura territorial definidos nas Directrices de Ordenación do Territorio, os indicadores de demanda de vivenda (como as proxeccións demográficas ou o rexistro de demandantes de vivenda como indicador específico) e os impactos previstos das actuacións en materia de vivenda na súa vertente social (como piar do Estado de benestar e fonte de cohesión social), de impacto na paisaxe e de impacto no emprego das propias actividades económicas no sector da vivenda.


Este Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020 articúlase arredor de catro eixes:

Eixe
 
Eixe 1
Acceso á vivenda
Eixe 2
Rehabilitación de vivendas e renovación urbana
Eixe 3
Prevención da exclusión residencial
Eixe 4
Outras medidas en materia de vivenda



Acceso á vivenda

O primeiro eixo é o de acceso á vivenda, que procura poñer ao alcance das familias, especialmente das máis desfavorecidas, unha vivenda adecuada. Este eixe se divide en catro programas.
En primeiro lugar o de vivendas de promoción pública, unha liña que seguimos considerando clave e que contará con catro accións:


- A construción de VPP, na que o IGVS seguirá levando a iniciativa, pero incluímos novas posibilidades de colaboración con outras institucións, con promotores privados, e mesmo cos propios adquirentes, co obxectivo de aumentar a oferta existente.
- Outra liña buscará o acceso a mellores condicións de financiamento dos adxudicatarios das vivendas.
- Tamén desenvolveremos novo solo para VPP, para o que levaremos a cabo actuacións propias e iniciaremos diferentes colaboracións cos concellos.
- E, por último, continuaremos xestionando as máis de 2.800 vivendas en alugueiro propiedade do IGVS, adecuando as rendas ós ingresos dos inquilinos e garantindo un bo mantemento das mesmas.

Garantir o acceso a unha vivenda digna a todos os cidadáns é un obxectivo irrenunciable da Xunta de Galicia, polo que o Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020 contempla diversos tipos de actuacións segundo as características e necesidades de cada zona do país. Posto que as necesidades non son as mesmas nas sete grandes cidades que nas pequenas cidades e vilas do resto do país ou o entorno rural que as rodea, plantéxanse diferentes solucións e intensidade da actuación.

No momento actual a demanda de vivenda céntrase fundamentalmente no entorno das grandes cidades e as vilas que as rodean, mentres que no extremo contrario se atopan as zonas máis rurais onde as actuacións deben tender ao mantemento da poboación e o freo ao despoboamento.

Este eixe contará con catro programas:

 Programa 1. Promoción pública de vivendas: centrado na construción de vivendas de promoción pública, directamente pola Xunta e mediante fórmulas concertadas; en facilitar o acceso ao financiamento aos adxudicatarios das mesmas; desenvolver a copropiedade; impulso da xestión de solo para a súa construción;e a xestión eficiente de vivendas en alugueiro propiedade do IGVS co fin de aumentar o carácter rotatorio das mesmas e incrementar o número de beneficiarios.

 Programa 2. Apoio á promoción de vivendas protexidas de protección autonómica, a través da promoción de solo para a construción de ditas vivendas e a flexibilización do Rexistro de Demandantes de Vivenda para convertelo nun instrumento máis áxil.

 Programa 3. Apoio aos adquirentes e cooperativas de vivendas de protección Autonómica, con medidas destinadas a facilitar o acceso ao financiamento dos adquirentes de vivendas protexidas de promoción privada e que faciliten o desenvolvemento de cooperativas de vivendas de protección autonómica. Implantación dun programa de subsidiación de xuros.

 Programa 4. Alugueiro de vivenda. Como novidade destaca o acordo de colaboración acadado polo Instituto Galego de Vivenda coa Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria) polo que a entidade estatal cede ao IGVS vivendas destinadas ao alugueiro de poboación con especiais dificultades económicas e de acceso.

No que respecta ao alugueiro destaca tamén o impulso e coordinación por parte do IGVS dos programas xestionados polos concellos para que acheguen vivendas baleiras propias ou de particulares para destinalas a alugueiro. O IGVS asumirá o seguro multirrisco e de impago da renda, así como de asistencia xurídica.

Este programa integra tamén o programa Aluga para os contratos en vigor e para o programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias e a xestión do alugueiro de vivendas ao abeiro do plan estatal 2013-2016.


Rehabilitación
O segundo eixe, de Rehabilitación de vivendas e renovación urbana, reúne todas as actuacións destinadas á rehabilitación do parque de vivendas construído co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos habitantes de ditas vivendas, reducir o impacto no medio ambiente ao rebaixar a necesidade de construción de novas residencias, fixar poboación nos cascos históricos e nos núcleos rurais e, en definitiva, un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Este eixe contará con catro programas:

 Programa 1. A rehabilitación illada. Axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas en conxuntos históricos, medio rural, Camiños de Santiago e remate de fachadas de vivendas unifamiliares. Esta liña de axudas enmárcase no obxectivo estratéxico do Goberno de coidado e recuperación da paisaxe e o territorio.

Inclúe tamén a xestión das axudas para os programas de rehabilitación do plan estatal 2013-2016 e de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios.

 Programa 2. Rehabilitación directa polo IGVS. O IGVS actuará por un lado adquirindo e rehabilitando vivendas existentes, fundamentalmente en núcleos históricos, que se adxudicarán a través do Rexistro de Demandantes. Por outra parte actuará directamente sobre as vivendas de promoción pública da súa propiedade e concederá axudas para rehabilitación ás comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública.

 Programa 3. Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). Continuará a execución de actuacións a través das áreas de rehabilitación declaradas na actualidade e promoverase a declaración de novas áreas. Con ese obxectivo esta prevista a publicación dunha nova convocatoria nas próximas semanas.


 Programa 4. Outras actuacións de rehabilitación. Incúense aquí axudas para eficiencia enerxética, actuacións a través do Consorcio do Casco Vello de Vigo (no que o IGVS é propietario do 90% do capital) e outras actuacións tales como convenios con entidades e asociacións para fomentar a rehabilitación, formación profesional no ámbito da rehabilitación, coordinación coas oficinas municipais de rehabilitación e divulgación das axudas para rehabilitación.

Prevención da exclusión residencial
Este terceiro eixe pretende dar cobertura ás situacións de especial risco naquelas familias nas que o custe da vivenda supón unha porcentaxe moi alta dos seus ingresos por ser estes baixos.

Inclúe os seguintes programas:

 Programa 1. Vivenda de promoción pública de inserción. Dentro da Estratexia de inclusión social de Galicia 2015-2020, que coordina a Consellería de Traballo crearase unha rede de vivendas de inserción. Serán vivendas que o IGVS porá a disposición de administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades de carácter social, para que as xestionen en réxime de arrendamento ou outras formas de ocupación, destinadas a atender a persoas que requiren unha especial atención e que ademais de unha vivenda precisan dun acompañamento social.

 Programa 2. Realoxamento de afectados por execucións hipotecarias. Programa destinado a ofrecer vivenda en alugueiro ou ocupación temporal aos afectados por execucións hipotecarias que cumpren os requisitos, en coordinación co programa Reconduce.

 Programa 3. Programa de apoio a situacións de emerxencia residencial. Este programa oriéntase a dar solución a situacións de imposibilidade de acceder a unha vivenda que ademais poida traer consigo situacións de desprotección social e exclusión. Instruméntase a través dun Bono Alugueiro, como apoio urxente para familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda. As situacións de necesidade serán avaliadas polos concellos, como entidade máis próximas ao cidadán.

Este programa inclúe tamén unha liña de axudas para a reparación de infravivendas rurais en concellos de menos de 5.000 habitantes. Dirixidas a persoas do ámbito rural sen recursos e que posúen unha vivenda que non dispón das condicións mínimas de habitabilidade ou están en situación de semirruína.


Outras medidas
Un cuarto eixe inclúe medidas normativas, estudos e traballos relativos á calidade da construción e normativa técnica, posta en funcionamento do rexistro de informes de avaliación dos edificios, regulación do Rexistro de Promotores da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras cuestións.