Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O diario oficial de Galicia publica hoxe o texto legal

A LEI DE VIVENDA DE GALICIA ENTRARÁ EN VIGOR O 13 DE AGOSTO

  • O obxectivo principal do proxecto de Lei e garantir o acceso dos cidadáns á vivenda con transparencia e seguridade xurídica.
  • A seguridade xurídica no mercado inmobiliario garantía a confianza dos compradores e usuarios de vivendas
  • Potenciase a promoción de novas vivendas e a rehabilitación das xa existentes.

 

Santiago, 24 de xullo de 2012.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o texto da Lei 8/2012, de Vivenda de Galicia, que foi aprobada polo Parlamento de Galicia no pasado mes de xuño. O proxecto de lei fora aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, para a súa remisión ao Parlamento, o 12 de abril de 2012.

A Lei de Vivenda de Galicia nace dun amplo acordo cos representantes de tódolos sectores implicados neste sector, aos que lles foi explicado detalladamente o proxecto antes da súa tramitación, co obxectivo de que o mesmo suscitase o maior consenso posible. Froito dese traballo previo realizado dende o Instituto Galego da Vivenda e Solo foi o feito de que ningunha das alegacións presentadas ao proxecto de lei cuestionase a filosofía da mesma.

Os obxectivos fundamentais da Lei de Vivenda de Galicia son os seguintes:

  • Regular eficazmente o acceso a unha vivenda digna e adecuada a quen realmente a necesita, suprimindo de trabas e obstáculos que o dificultaban.
  • Achegar seguridade xurídica ao mercado inmobiliario para dar garantías e confianza aos compradores e usuarios de vivendas.
  • Establecer medidas dinamizadoras do sector inmobiliario nun momento que está a pasar serias dificultades, mantendo as condicións de calidade e habitabilidade das vivendas.
  • Establecer as condicións necesarias para estimular a promoción  e rehabilitación das vivendas en xeral e as protexidas en particular.
  • Adaptar o marco normativo das vivendas protexidas á nova realidade imposta polas dificultades do sector inmobiliario e pola sensible diminución das axudas estatais. 
  • Adaptar a reserva de solo destinado a vivenda protexida aos datos de demanda por tipo de vivenda que resultan do Rexistro de demandantes ao ser este o instrumento que  permite a planificación das actuacións de vivenda protexida tanto para o sector publico como para a iniciativa privada.
  • Establecer instrumentos de colaboración cos axentes da edificación, colexios profesionais, entidades financeiras, etc como medida para a reactivación do sector inmobiliario e de facilitar o acceso dos usuarios a vivenda.
  • Crear un marco normativo estable que non deba de ser obxecto de modificación total cada catro anos, e que, polo tanto, debe de ser un texto que regule as cuestións básicas en materia de vivenda sen caer na tentación de introducir regulacións excesivamente concretas máis propias dun regulamento que da propia lei.

 

A Lei elimina as imprecisións do texto de 2008, que resultaba excesivamente regulamentista, ríxida, contraditoria e de difícil aplicación, ademais de estar elaborada, como ela mesmo indicaba no seu preámbulo, nun momento de boom inmobiliario, cunhas condicións moi diferentes das que se viven na actualidade.