Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Entre marzo e maio o concello xa anulou tres remesas de recibos por corresponder a outros titulares

A MEIRANDE PARTE DA DÉBEDA POR IBI QUE O CONCELLO DE LUGO RECLAMA AO IGVS NON LLE CORRESPONDE A ESTE ORGANISMO

A falta de control do concello na emisión de recibos do IBI lévao a intentar que o IGVS pague o imposto de bens que son de titularidade municipal dende hai dez anos
Entre os recibos de bens correspondentes ao IGVS existen moitos casos nos que polo mismo ben o concello pretende cobrar dúas veces
Remítense ao IGVS recibos de bens que son de titularidade de terceiros
O IGVS tamén reclamou ao concello por vivendas de promoción pública ás que non se lles aplica a bonificación que lles corresponde
Asemade existen moitos recibos pagados polo IGVS sen que lle correspondese, polo que solicitará a devolución das cantidades pagadas
 
Santiago, 20 de xuño de 2012.- É absolutamente falso que o Instituto Galego da Vivenda e Solo manteña unha débeda de 330.000 euros co concello de Lugo en concepto de Imposto de Bens Inmobles (IBI) de anualidades atrasadas, como manifestou a concelleira de Economía de dito concello malia ser coñecedora de que a meirande parte dos recibos reclamados polo concello non corresponden ao IGVS.
 
De feito, a mediados de maio o concello de Lugo anulou dúas remesas de recibos reclamados ao IGVS por non corresponder a este organismo o seu pago. En ambos casos a anulación dos recibos se produciu por un decreto asinado pola propia delegada da área de Economía, Emprendemento, Autónomos e Educación do concello de Lugo, dona Sonia Méndez García, e despois de comprobarse que “a dirección Xeral de Catastro estableceu cambio de titularidade para os recibos de referencia, sendo a data de alteración o ano anterior ó exercicio que se anula”, como din literalmente as comunicacións remitidas polo concello ao IGVS.
 
Con anterioridade, no mes de marzo de 2012, a mesma delegada de Economía asinaba outro decreto anulando unha primeira remesa de recibos do IBI remitidos ao IGVS, despois de comprobar tamén que a titularidade no catastro se realizou antes da emisión dos mesmos.
 
En total os recibos anulados polo concello a través destes tres decretos ascende a 236, por un importe de máis de 48.400 euros.
 
As anulacións realizáronse despois de que o IGVS presentase as correspondentes reclamacións e o número de anulacións deberá incrementarse de forma notable conforme o concello vaia resolvendo todas as reclamacións presentadas polo IGVS. Entre as reclamacións do IGVS consta tamén un importante número de recibos do IBI pagados polo IGVS e que non lle correspondía, polo que o seu importe deberá ser devolto polo concello.
 
A reclamación de IBIs presentada polo concello de Lugo ao IGVS en novembro de 2011 está chea de erros, como está a recoñecer o concello coa anulación de boa parte deles.
 
Basicamente ditos erros son os seguintes:
 
  • O concello de Lugo reclama ao IGVS o pago do IBI de bens de titularidade municipal
  • O concello de Lugo reclama ao IGVS o pago do IBI de bens de terceiros, alleos a este organismo oficial
  • O concello de Lugo reclama ao IGVS o pago do IBI con recibos duplicados para o mesmo ben.
 
Entre os recibos reclamados ao IGVS que corresponden a bens que non son da súa titularidade, nin o eran no momento da emisión dos mesmo, constan moitos que corresponde a terceiros e un bo número que se refiren a bens que son de propiedade municipal dende hai dez anos, xa que foron cedidos mediante un convenio en 1992. Cabe salientar que o cambio de titularidade no catastro corresponde ao adquirente dos bens en cuestión, polo que foi o propio concello quen debeu proceder a dito cambio no momento en que lle foron cedidos ditos bens, evitando desa forma facturar o IBI ao IGVS e todos os problemas derivados desa falta de dilixencia por parte da administración municipal.
 
Os recibos reclamados ao IGVS e que corresponden a propiedades das que non é titular roldan os 90.000 euros, dos que a meirande parte corresponden a bens propiedade do concello, cun montante de preto de 50.000 euros.
 
Entre as propiedades municipais polas que o concello reclama o pago do IBI ao IGVS están a zona verde que existe na esquina das rúas Ines de Castro e Escocia, parque infantil situado fronte á igrexa de San Francisco Javier na rúa Roi Xordo, parque infantil e campo de futbol-baloncesto situados fronte ao colexio público Illa Verde na rúa Roi Xordo e pista de baloncesto e zona verde situada na rúa Cornubia, ao lado da Fonte do Rei. Resulta evidente que o concello coñece que esas propiedades son municipais.
 
Bens do IGVS con erros
 
Outra parte dos recibos reclamados polo concello de Lugo corresponden a bens que efectivamente son propiedade do IGVS, pero nos que existen diversos erros e, polo tanto, deberán ser revisados polo concello:
 
Entre ditos erros destaca a duplicación de recibos por un mesmo ben e anualidade. O concello emitiu recibos por duplicado, polo que deberá revisalos e anular os que correspondan, por un importe total deste recibos supera os 35.000 euros.
 
Por outra parte, en múltiples casos o concello non aplicación a bonificación que lle corresponde ás vivendas de promoción pública ou existen erros na titularidade dos bens por cambio de réxime de adxudicación. Os recibos que debe revisar e anular o concello por este motivo superan os 37.000 euros.
 
Finalmente, existen recibos incorrectos nas vivendas de Fermín Rivera, onde non corresponde ao IGVS o IBI de 2011, ou en Mazoi, onde non se aplica a bonificación do 50% que lle corresponde ás vivendas rehabilitadas. O importe a revisar é de preto de 12.000 euros.
 
Por outra parte, existe un bo número de recibos pagados polo IGVS sen que lle correspondera facelo, cuxo importe deberá devolver o concello. O IGVS xa ten preparada unha reclamación neste sentido por importe de preto 20.000 euros pagados indebidamente e traballa na presentación de outra por importe de preto de 27.000 euros.
 
Como xa lle comunicou en diversas ocasións, o IGVS agarda que o concello de Lugo clarifique a débeda real, coa anulación dos recibos que nunca debeu emitir a nome deste organismo.