-
O DOG publica hoxe a orde que as regula para este ano
-
Poderán beneficiarse as vivendas que xa conten con calificación definitiva
-
As axudas por vivenda van de 2.000 a 3.500 euros, segundo o nivel de cualificación
enerxética
-
Os adxudicatarios beneficiaranse dun menor custe enerxético das súas vivendas
Santiago, 18 de xuño de 2012.- A Xunta de Galicia destinará 2.449.417,88 euros a
incentivar a eficiencia enerxética dos edificios de vivendas protexidas de nova construción,
segundo establece a Orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e que establece as normas
para a concesión de ditas axudas. Os beneficiarios finais das actuacións serán os adxudicatarios,
que recibirán vivendas cunha maior eficiencia, o que repercutirá nun menor custe enerxético para os
mesmos.
Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas promotoras de vivendas de
nova construción que, á data de publicación desta orde, conten coa cualificación definitiva de
vivendas protexidas ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, cuxos proxectos
obteñan unha cualificación enerxética da clase A, B ou C. Segundo o establecido no Real decreto
47/2007, de 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de
eficiencia enerxética de edificios de nova construción, a devandita certificación enerxética é
expedida pola Consellería de Economía e Industria.
Non poderán acceder a estas axudas os promotores de aloxamentos protexidos nin de vivendas
rehabilitadas. Nin tampouco se poderá acceder a estas axudas respecto a aquelas vivendas para as
cales xa se concedera a subvención en anos anteriores. A contía da axuda que se conceda en cada
caso dependerá do nivel de cualificación enerxética. Así:
1.- para o nivel A corresponderán 3.500 euros por vivenda
b.- para o nivel B, 2.800 euros por vivenda
c.- para o nivel C, 2.000 euros por vivenda
A contía máxima das axudas nesta convocatoria é de 2.449.417,88 euros. O prazo de presentación
de solicitudes é dun mes, contado a partir de mañá. As solicitudes dirixiranse á xefatura da área
provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da provincia na que se emprace a
promoción.
Estas axudas son incompatibles, sempre que se dirixan á mesma finalidade, coas correspondentes
ao Plan de Acción de Aforro e Eficiencia Enerxética para o período 2008-2012, e ao Plan de Enerxías
Renovables 2005-2012, do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).