-
Tres vivendas quedaron vacantes por renuncia dos adxudicatarios iniciais, polo que serán
adxudicadas de novo e entregadas proximamente.
-
Tódalas vivendas contan con 90 metros cadrados de superficie útil, con tres dormitorios, e unha
parcela arredor de 300 metros cadrados
Santiago, 30 de xullo de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
entregou hoxe sete vivendas de promoción pública construídas no concello ourensán de Riós xunto con
outras tres que quedaron vacantes por renuncia dos seus adxudicatarios, polo que serán adxudicadas
de novo e entregadas proximamente. Na entrega das vivendas de promoción pública estiveron presentes
o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné, o delegado da Xunta na
provincia, Rogelio Martínez, e o alcalde da localidade, Francisco Veiga.
Dúas das vivendas foron entregadas en réxime de compra venda, cun prezo de 64.467,90 euros. As
outras cinco entregáronse en réxime de alugueiro, xa que a normativa establece que é obrigatorio
este réxime cando os ingresos familiares ponderados non superan 1,5 veces o Indicador Público de
renda de Efectos Múltiples (Iprem). No caso das vivendas en alugueiro, a renda mensual será de 152
euros.
As dez vivendas de promoción pública construídas polo IGVS en Riós son unifamiliares e
atópanse emprazadas a menos de 300 metros do centro da localidade, na zona denominada A
Telleira.
As vivendas forman catro bloques, dous de tres vivendas e dous de dúas vivendas, co obxectivo
de romper a imaxe repetitiva e continuada das vivendas acaroadas. Todas contan cunha superficie
útil de vivenda de 90 metros cadrados, aos que se engaden preto de 22 metros cadrados de garaxe e
rocho e arredor de 300 metros cadrados de parcela privativa.
A planta baixa de cada vivenda está destinada a cociña, salón, aseo e lavadoiro, así como a
garaxe e rocho. Na planta primeira cada vivenda conta con tres dormitorios e baño.
As vivendas contan con cuberta a dúas augas rematada con chapa de zinc sobre cámara
trasventilada e illamento térmico, instalada sobre o forxado de cuberta.
As fachadas contan con tabiques de cerramento de fábrica de ladrillo oco dobre, con cámara de
aire e illamento térmico de polistireno expandido de 5 cm. No alzando principal, en plantas
baixas, o acabado é de granito, e na planta alta, de morteiro monocapa. Parte dos paramentos nos
alzados principal e traseiro da vivenda foron revestidos con entraboado de madeira de cedro. A
carpintería exterior é de aluminio lacado con dobre acristalamento.
A instalación de calefacción e produción de auga quente sanitaria consta dun grupo térmico
formado por queimador de gasóleo, depósito de 1.000 litros e acumulador de auga quente sanitaria
individual para cada vivenda. Os radiadores son de chapa de aceiro de dúas columnas.
Os pavimentos interiores nas estancias da planta alta son de tarima flotante tricapa de
madeira, e na planta baixa de baldosa cerámica, igual que nos baños e cuarto de instalacións. A
escaleira interior, de madeira, tanto no peldañeado como no revestimento dos paramentos.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu na construción das dez vivendas un total de
1.133.377 euros.