-
O Ministerio proponse realizar modificacións do Plan, sen negociación previa coas comunidades
autónomas, que prexudicarán gravemente os intereses de Galicia.
-
De seguir adiante, o Ministerio eliminará a Axuda Estatal Directa á Entrada, polo que os
adquirentes galegos de vivendas protexidas deixarán de percibir nos vindeiros dous anos entre 23 e
55 millóns de euros
-
O Estado comunicou tamén a intención de suprimir a reserva de eficacia o que, na práctica,
supón a perda para Galicia de mais de 115 millóns de euros
-
Ademais reducirá as axudas á promoción de vivendas en alugueiro, promoción de solo para vivenda
protexida e o financiamento das oficinas de rehabilitación como portelos únicos.
Santiago, 27 de xullo de 2010.- A Xunta de Galicia rexeita os cambios propostos
unilateralmente polo Ministerio de Vivenda no Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, xa que
prexudican claramente os intereses dos cidadáns de Galicia e supoñen un evidente intervencionismo
do Ministerio nunha materia, como a vivenda, que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma. Os
cambios supoñen, de feito, que Galicia deixará de percibir ata por parte do Estado un total de 150
millóns de euros ata o 2012 en axudas á vivenda contempladas no Plan de Vivenda en vigor. A
ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, anunciou hoxe o recorte dos fondos do Plan de Vivenda e a
supresión das axudas a compradores e promotores.
Na reunión da Conferencia Sectorial do Plan Estatal de Vivenda de Vivenda e Rehabilitación
2009-2012, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández,
manifestou que a Xunta non comparte a maneira en que o Ministerio de Vivenda pretende realizar dita
redución, sen un proceso previo de negociación e consenso coas Comunidades Autónomas e chegando ao
extremo de que a información sobre as pretensións do Ministerio se filtraron á prensa antes de
informar ás propias comunidades autónomas.
A eliminación por parte do Ministerio da Axuda Estatal Directa á Entrada prexudicará
gravemente aos galegos interesados na adquisición de vivendas protexidas, tanto de nova construción
como usadas, que verán desaparecer unha subvención directa que en determinados casos pode acadar
unha contía de 12.000 euros. A intención do Ministerio de substituír esta axuda co incremento da
contía máxima dos préstamos hipotecarios, que pasarían do 80 ao 90 por cento do custe da vivenda, é
inútil nun momento en que as entidades bancarias están concedendo moi poucos préstamos hipotecarios
para a adquisición de vivenda.
Segundo os obxectivos establecidos para Galicia nos anos 2011 e 2012, os adquirentes galegos
de vivendas protexidas deixarán de percibir neses dous anos entre 23 e 55 millóns de euros.
Esta medida é especialmente negativa en Comunidades Autónomas como Galicia, onde a diferenza
de prezos entre a vivenda libre e a protexida é pequena no momento actual, polo que a existencia da
Axuda á Entrada é unha razón importante que impulsa aos adquirentes a decidirse pola adquisición de
vivendas protexidas.
Ademais, a supresión da axuda provoca inseguridade xurídica nas persoas que, coa expectativa
de recibir a Axuda Estatal Directa á Entrada asinaron precontratos e contratos privados de
compravenda e que agora se van ver claramente prexudicadas.
Con ser a máis importante das medidas adoptadas unilateralmente polo Ministerio de Vivenda,
non é este o único recorte que afectará negativamente a Galicia, xa que tamén se propoñen eliminar
a reserva de eficacia, ás subvencións por adquisición ou promoción de solo e a redución da
subvención para os promotores de vivendas en alugueiro. Finalmente, o Ministerio tamén se propón
eliminar a financiación das oficinas de rehabilitación, na súa faceta de portelos únicos, mentres
destina fondos á creación dunha plataforma pola rehabilitación creada sen ter en conta a opinión
das comunidades autónomas.
Reserva de eficacia
A reserva de eficacia, que o Ministerio pretende suprimir, constitúe un instrumento de
flexibilización do Plan de Vivenda, polo que coa súa desaparición o Plan deixa de ser unha mera
planificación económica para constituírse nun instrumento de dirección da política de vivenda, ao
decidir dende o Ministerio, que non ten competencias na materia, qué actuacións se priman e cáles
non.
Ante esta rixidez, debería planearse a propia existencia do plan e a súa substitución po la
transferencia de fondos ás Comunidades Autónomas para que sexan estas quen xestionen estes fondos
na execución dos seus propios planes de vivenda.
Coa reserva de eficacia o Ministerio de Vivenda reserva un 20 por cento do importe total de
fondos destinados ao Plan de Vivenda, que se reparten posteriormente en función do cumprimento de
obxectivos de cada Comunidade Autónoma. Polo tanto, a eliminación da reserva de eficacia supón unha
redución do 20 por cento do financiamento total do Plan, o que suporá para Galicia a perda de máis
de 115 millóns de euros.
Subvencións a promotores
O Ministerio tamén pretende reducir as subvencións a promotores, tanto para a adquisición e
promoción de solo, que resulta imprescindible para a promoción de vivendas protexidas, como para a
promoción de vivendas destinadas ao alugueiro.
No caso das subvencións dirixidas á promoción de vivendas protexidas en alugueiro, e polo
tanto con prezos reducidos e controlados, a súa supresión resulta incongruente e contraditoria co
interese do Ministerio en manter o programa de renda básica de emancipación, dirixido a facilitar o
acceso dos mozos á vivenda en alugueiro.
As axudas á promoción de vivendas protexidas en alugueiro non so resultan positivas para
garantir o acceso á vivenda ás familias con rendas máis baixas senón que axudan a paliar a
situación de crise do sector inmobiliario e da construción, de tanto peso na economía galega.
Portelos únicos
Finalmente, o Ministerio proponse eliminar o financiamento que as oficinas de rehabilitación
reciben pola súa actuación como portelos únicos, o que suporá un grave prexuízo para Galicia, onde
ditas oficinas informan e xestionan tódalas liñas de axudas en materia de vivenda vixentes no seu
territorio, achegando a información e a xestión aos cidadáns das 34 vilas e cidades que contan con
ditas oficinas de rehabilitación.
O importe previsto destas axudas para o ano 2010 supera os 2,3 millóns de euros, ao que
habería que sumar cantidades semellantes nos dous próximos anos.
Mentres elimina este financiamento ás oficinas de rehabilitación que levan anos amosando a súa
eficacia, o Ministerio puxo en marcha unha plataforma pola rehabilitación sen contar coa opinión da
Comunidades Autónomas.