Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS INICIARÁ A COMEZOS DE 2010 A CONSTRUCIÓN DE 52 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN O BERTÓN (FERROL) CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE CINCO MILLÓNS DE EUROS

-     As vivendas estarán en dous edificios de 24 e 28 vivendas respectivamente.

-     A redacción dos proxectos e a construción das vivendas foi adxudicada por un importe total de preto de cinco millóns de euros.

-     Os proxectos están actualmente en redacción e as obras poderían iniciarse en xaneiro e abril de 2010.

Santiago,   de decembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo iniciará en 2010 a construción dun total de 52 vivendas de promoción pública en O Bertón, en terreos que está urbanizando Xestur Coruña. O IGVS xa adxudicou os contratos para a redacción do proxecto e a construción de dous edificios que contarán con 24 e 28 vivendas respectivamente. O investimento total acada os 4.837.101,3 euros.

Vinte e catro vivendas en xaneiro

No próximo mes de xaneiro prevese o inicio da construción dun primeiro bloque de 24 vivendas, cuxo proxecto está actualmente en redacción. Unha vez redactado e supervisado o proxecto, iniciarase a construción das vivendas.

A redacción do proxecto e a execución das obras foi adxudicada á empresa Construcciones Vilamiño, por un importe de 2.030.565,62 euros e un prazo de execución de 26 meses.

As 24 vivendas deste bloque disporán todas de dous dormitorios, cunha superficie útil de 69 metros cadrados. Todas contarán con cociña, estar-comedor, baño, trasteiro e garaxe.

Vinteoito en abril

Doutra banda, está previsto que no mes de abril se inicie a construción doutras 28 vivendas de promoción pública, tamén no Bertón.

A redacción do proxecto e a obra de construción foi adxudicada á empresa Construcciones Angel Jove por importe de 2.806.535,68 euros e un prazo de execución de 26 meses.

Na actualidade está en redacción o proxecto de edificación. Unha vez rematado e supervisado, comezarán as obras de edificación, que se prevén para o mes de abril de 2010.

Oito das vivendas a construír contarán con dous dormitorios e unha superficie útil de 69 metros cadrados. As 20 vivendas restantes serán de tres dormitorios e 89 metros cadrados de superficie útil. Todas contarán con cociña, estar-comedor, baño, trasteiro e garaxe.