Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DOG PUBLICA HOXE A APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PROXECTO SECTORIAL DA CENTRAL DE TRANSPORTES DE OURENSE PARA CREAR UNHA PARCELA DE GRAN TAMAÑO

-    A agrupación de dúas parcelas e o vial que lles daba servizo permitirá contar cunha parcela de 31.860 metros cadrados.

-   As parcelas corresponden á segunda fase da actuación, que se atopa actualmente en obras e con previsión de remate a comezos de 2010

Santiago, 19 de novembro de 2009.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do proxecto sectorial do Centro de Transportes e Terminal Intermodal de Ourense, emprazada no concello de San Cibrao das Viñas, modificación que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 29 de outubro.

A modificación do proxecto consiste na unificación en unha soa de dúas parcelas de 16.213 e 12.987 metros cadrados, o que permite ao mesmo tempo incorporar á parcela resultante o vial que no proxecto inicial daba servizo a cada unha das dúas parcelas que se agrupan, vial que agora queda incorporado á parcela resultante, polo que o tamaño da mesma será de 31.860 metros cadrados.

A modificación afecta á segunda fase da Central de Transportes, que foi vendida polo IGVS a Xestur Ourense en 2008, e cuxas obras de urbanización se atopan actualmente en execución. Esta segunda fase ocupa unha superficie total de 101.231 metros cadrados, dos que 44.863,60 son de uso industrial. O investimento previsto nas obras de urbanización é de 2.013.920,62 euros.

Dáse a circunstancia de que o desenvolvemento da segunda fase iniciouse cando aínda había máis de 40.000 metros cadrados sen vender en catro parcelas da primeira fase, o que equivalía ao 52,6 por cento do solo posto á venda nesa primeira fase da Central de Transportes.

As obras de urbanización da segunda fase da Central de Transportes comezaron en novembro de 2008 e está previsto o seu remate a comezos do próximo ano.

Primeira fase

A primeira fase da Central de Transportes, que xa se atopa rematada e á venda, ocupa unha superficie total de 125.015 metros cadrados, dos que son de uso industrial 76.100 metros cadrados, distribuídos nun total de nove parcelas, das que están vendidas cinco (36.047 metros cadrados).

Asemade, está prevista unha terceira fase, de 98.057 metros cadrados, para a que xa están adquiridos os terreos por parte do IGVS