Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS AMPLÍA CON MÁIS DE 1,7 MILLÓNS DE EUROS AS AXUDAS PARA OS AFECTADOS POLO FURACÁN KLAUS

 

-    A nova dotación, con cargo aos orzamentos de 2009, supón máis do triplo do previsto inicialmente polo Goberno anterior, que so presupostou 500.000 euros.

-    Coa ampliación orzamentaria, destinaranse aos afectados polo temporal máis de 2,2 millóns de euros

-     As axudas comezaron a pagarse a finais do pasado mes de outubro.

Santiago, 12 de novembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ampliará con 1.726.344,52 euros os fondos destinados á reparación dos danos e perdas causados polo temporal acaecido en Galicia en xaneiro de 2008, coñecido como Klaus, unha vez que os 500.000 euros previstos polo anterior goberno resultaron absolutamente insuficientes.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que dito programa se dota con 1.726.344,52 euros adicionais, con cargo ao orzamento de 2009 do IGVS, co que a contía total das axudas que se outorguen para a reparación de danos causados polo Klaus ascenderá a 2.226.344,52 euros.

A orde de convocatoria de ditas axudas, do 2 de febreiro, establecía un importe máximo de 500.000 euros con cargo ao orzamento do IGVS, contía que resultou claramente insuficiente unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes. A ampliación dos fondos agora aprobados supón incrementar os fondos para estas axudas en máis do triplo do inicialmente previsto.

O pago das axudas realizarase conforme os beneficiarios presenten as xustificacións necesarias. As primeiras axudas comezaron a pagarase a finais do pasado mes de outubro.