- No presente ano, estanse a iniciar outros 800 inmobles nos que se investirá máis de 20
millóns de euros
- Proximamente entregaranse outras 22 vivendas adxudicadas en réxime de compravenda en
Salgueiriños, en Santiago de Compostela
-
O IGVS achegou preto de catro millóns de euros na construción das 54 vivendas de Salgueiriños,
que se empraza nun solo adquirido e urbanizado polo mesmo organismo
Santiago, 09 de xullo de 2010.- O titular de Medio Ambiente, Agustín Hernández,
lembrou que na actualidade a Xunta de Galicia ten en execución ao longo de toda a comunidade máis
de 900 vivendas de promoción pública ás que se destinan 21,5 millóns de euros. Tamén sinalou que
durante o ano actual estanse a iniciar preto doutros 800 inmobles nos que se investirán máis de 20
millóns de euros. Hernández achegou estes datos hoxe na entrega das vivendas de alugueiro
construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo en Salgueiriños (Santiago de Compostela).
Das 54 vivendas construídas polo IGVS en Salgueiriños, un total de 32 foron adxudicadas en
réxime de alugueiro, posto que a normativa que rexe a construción e adxudicación de vivendas de
promoción pública establece que as vivendas se adxudiquen en alugueiro cando os ingresos familiares
non superen 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).
Nun acto celebrado na sede do IGVS entregáronse as chaves das 32 vivendas adxudicadas en
réxime de alugueiro, mentres as 22 restantes serán entregadas nun acto posterior, unha vez que a
entidade financeira aprobe os préstamos hipotecarios correspondentes.
Das 32 vivendas entregadas no día de hoxe, dez dispoñen de dous dormitorios, 15 teñen tres
dormitorios, cinco vivendas son de catro dormitorios e, finalmente, dúas vivendas están adaptadas
para o uso por persoas con problemas de mobilidade, contando con tres dormitorios cada unha.
O prezo do alugueiro que pagará cada familia determínase en función da superficie da vivenda
adxudicada e dos ingresos familiares ponderados, posto que o IGVS realiza deducións do 40 ou 60 por
cento do custe do alugueiro en función das características económicas do adxudicatario. Nas 32
vivendas entregadas hoxe en Salgueiriños o prezo efectivo que pagarán os adxudicatarios, unha vez
realizadas as deducións, oscilarán entre 82,38 e 140,38 euros mensuais.
No acto de entrega de chaves os adxudicatarios tamén recibiron os boletíns necesarios para a
realización dos contratos de servizos como auga e luz.
Preto de 4 millóns de euros
O Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu na construción das 54 vivendas de promoción
pública de Salgueiriños un total de 3.885.952,24 euros, o que supón unha media de preto de 72.000
euros por vivenda. Ademais, o propio IGVS adquiriu e urbanizou o solo no que se emprazan as
vivendas, correspondente a unha das Sunps (Solo urbanizado non programado) desenvolvidas polo
organismo con anterioridade a 2005, xa que de feito o expediente para construción destas 54 vivenda
foi iniciado en 2003.
As vivendas emprázanse nun inmoble de cinco plantas, baixo e semisóto con planta en L.
O volume, pendente de cuberta e tella de cubrición, a forma da cuberta e aleiro, están
proxectados para dar continuidade ao edificio veciño, mantendo a unidade de toda esta fronte
edificada. Por este mesmo motivo, a disposición e tamaño das ventás é similar aos outros edificios
de vivenda colectiva feitos nesta zona do SUNP de Salgueiriños.
O material de fachada é morteiro monocapa cun tratamento de cor específica para o zócalo do
inmoble e os elementos singulares que sobresaen da fachada.
O edificio conta con tres portais con catro vivendas por planta cada un deles salvo na esquina
e no extremo leste da L. Tense optimizado ao máximo posible o número de ascensores para acadar a
maior relación de vivendas por cada un dos elevadores de xeito que se reduza a repercusión dos
custos de mantemento por vivenda.
O interior das vivendas conta con acabados habituais en vivendas promovidas polo IGVS.
Carpintería interior de acabado en madeira. O pavimento en dormitorios e salón é de tarima flotante
e cerámica nos baños e cociñas. Todas as vivendas contan cun lavadoiro e tendedeira de máis de tres
metros cadrados con alicatado en todas as paredes. As cociñas entréganse dotadas de encimeira de
pedra, vertedoiro e cociña de catro lumes. As vivenda contan con caldeiras individuais de produción
de auga quente e calefacción, con gas como combustible.
O edificio ten unha planta semi-soto destinada a garaxe para as 54 prazas de aparcamento.
Ademais, cada vivenda conta cun trasteiro.
Lista de adxudicatarios
A lista definitiva de adxudicatarios foi aprobada pola Comisión Provincial de Vivenda en
decembro de 2009, despois de efectuar a revisión da lista provisional e dos expedientes
correspondentes en menos de oito meses que, ademais, coincidiron co cambio de goberno da Xunta de
Galicia, coa lóxica ralentización dos expedientes administrativos.
Malia esa circunstancia, o prazo empregado pola Comisión Provincial de Vivenda foi moi
inferior ao que necesitaron o concello de Santiago e a anterior Consellería de Vivenda para a
aprobación da lista provisional. Dende o inicio do prazo de presentación de solicitudes ata que a
lista provisional chegou á xefatura provincial do IGVS na Coruña transcorreron máis de dous anos e
medio, tal como se pode comprobar na cronoloxía seguinte:
1-09-2006 Iniciase o prazo de presentación de solicitudes no Concello de Santiago.
30-09-2006 Remata o prazo de presentación de solicitudes. O Concello dispón de tres meses para
a elaboración da lista provisional (artigo 38 do decreto 257/2004).
30-12-2006 Remata o prazo para a elaboración da lista provisional por parte do Concello sen
que este elabore dita lista.
9-12-2008 O Pleno do Concello de Santiago aproba a lista provisional de adxudicatarios.
7-01-2009 O Concello de Santiago publica na prensa local anuncio da lista provisional, dando
un mes para a presentación de reclamacións.
10-03-2009 A lista provisional e a documentación chega á xefatura provincial do IGVS na Coruña
con dous anos e tres meses de retraso e cun inminente cambio de Goberno na Xunta de Galicia.
22-12-2009 Publícase a lista definitiva. Os interesados teñen o prazo dun mes para a
presentación de recursos
5-02-2010 Apróbase a lista definitiva firme. Exponse durante un mes.
21-04-2010 Realizase o sorteo das vivendas entre os adxudicatarios.
Xullo de 2010: Entrega das vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro.
Malia que o Concello de Santiago tardou dous anos e tres meses en remitir a lista provisional,
cando o prazo legal era de tres meses, a antiga Consellería de Vivenda non fixo nada por axilizar a
elaboración de dita lista, a pesar de que a normativa vixente lle daba a potestade de reclamar do
concello a entrega das solicitudes e documentación presentada para que a lista fose elaborada pola
propia Xunta Cualificadora (agora Comisión Provincial de Vivenda).