A Lei de vivenda de Galicia dispón que o patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de
atención prioritaria. O Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, formulado no seo do Observatorio de
Vivenda de Galicia e asinado en data 22/01/202 establece, no seu Eixo primeiro, Programa 3 e acción
1 a implementación dun programa para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal
con destino ao alugueiro social.
Moitos concellos de Galicia dispoñen dun patrimonio edificatorio que pode ser obxecto dun uso
residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación. Por outra banda, o proceso de
despoboamento da zona rural fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas,
sendo a vivenda unha necesidade básica para este cometido.
Persoas beneficiarias
Concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e
vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, e as adxudiquen, en réxime de
alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de
renda de efectos múltiples.
Solicitude das axudas
A solicitude da axuda deberá realizala o concello, que garantirá a dispoñibilidade de fondos
para cubrir o 5 por cento adicional do presuposto necesario para a actuación prevista,
Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en
edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos
básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de
habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas
radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das
obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os
informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e
outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será
subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co
artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da
Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total
das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes as obras executadas con
anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as
facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a acopios de material previos
e/ou a pagamentos anticipados nos que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en
que se publique a resolución de convocatoria.
Requisitos das actuacións subvencionadas
- Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e
cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
- Que as actuacións non estean rematadas á data da presentación da solicitude.
- Que o número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non sexa superior ao
número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da
Comunidade Autónoma de Galicia nese concello na data da presentación da correspondente solicitude
de subvención.
As obras terán que garantir os requisitos básicos de funcionalidade, seguranza,
habitabilidade e/ou accesibilidade, asi como a execución de medidas para evitar a entrada do gas
radon ou faciliten a súa eliminación.
Contía das axudas
As axudas poderán acadar ata o 90% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso
poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 48.000 euros, no caso de
vivendas situadas no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago. No suposto de que a edificación a
rehabilitar estivera situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, as citadas con cantidades
incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o 9 de febreiro de 2022 e
rematará o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria
contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da
Dirección Xeral do IGVS.