Son actuacións directas xestionadas por unha Oficina propia do IGVS. Así está a se levar a cabo
unha importante actuación de rehabilitación no
Barrio da Tinería, –en pleno corazón do centro histórico de Lugo–, cun
investimento de 31 millóns de Euros que nos permite recuperar o valioso patrimonio arquitectónico
desta parte da cidade e, ao mesmo tempo, propiciar a súa recuperación social.
O IGVS emprendeu a rehabilitación integral de 52 edificios que, unha vez recuperados, serán
destinados a vivenda protexida en aluguer, preferentemente para mozos menores de 35 anos, que
accederán a unha vivenda de calidade, cunha ubicación privilexiada e a un prezo moi inferior ao do
mercado. Ademais de vivenda protexida, algúns dos edificios rehabilitados terán como destino final
un uso dotacional ou de servizos.
Trátase de mixturar o uso residencial con usos dotacionais e de servizos coa finalidade de que
A Tinería recupere a vitalidade social de antano. Por citar un exemplo, as plantas
baixas dos
edificios Rúa Miño no 10 e no 12, ao lado da emblemática Praza do Campo,
albergarán a Oficina de Turismo de Lugo, dependente da Consellería de Innovación e Industria que,
sen dúbida, actuará como polo de atracción de visitantes.
Igual de relevante será o uso dotacional do
Pazo de Dona Urraca, que se converterá no futuro Centro de Estudios, Investigación
e Documentación de Servizos Sociais. A mesma parcela que hoxe acolle o Pazo, albergará un Centro de
Día para Maiores, nun edificio de nova construcción que estará rematado en 2009. Ambos servizos
serán xestionados pola
Vicepresidencia da Xunta.
Neste momento, o Instituto Galego de Vivenda e Solo finalizou a rehabilitación dun total de 15
edificios, localizados na
Rúa Miño,
Rúa Rinconada do Miño,
Rúa Tinería e na
Rúa Falcón. Como resultado destas primeiras rehabilitacións, o IGVS ofrece 36
vivendas rehabilitadas en aluguer para os mozos de Lugo.
O IGVS continúa coa rehabilitación do resto dos edificios que son da súa propiedade, co
obxectivo de que todos estean reformados no horizonte de 2010. Nas próximas semanas se adxudicarán
as obras de rehabilitación correspondentes a 18 edificios, que permitirá contar con novas vivendas
protexidas para ofertar en aluguer.
Con esta intervención,
a maior actuación de rehabilitación integral nun centro histórico en Galiza, o
Instituto Galego de Vivenda e Solo quere dar resposta a unha parte da demanda de vivenda protexida
na cidade de Lugo, pero tamén quere contribuír á conservación e á recuperación dun barrio que forma
parte da historia da cidade, desde cuxas rúas se poden contemplar as torres da catedral, no que
moitos dos seus edificios comparten espazo nada menos que coa Muralla romana. O obxectivo é
devolver á Tinería o protagonismo que se merece pola súa ubicación e pola súa historia, recuperar
este barrio para o conxunto dos lucenses e para as persoas que visiten esta cidade.